in

‘Absurdia’ volve a Galicia tras ser premiado no Orilla Impro Fest de Alacante

A Coruña, Sarria e Lugo acollen novas datas deste espectáculo de The Momento Impro

Absurdia
'Absurdia'. Fonte: Impro Valladolid.

O espectáculo de improvisación Absurdia, de The Momento Impro, regresa con novas funcións a Galicia despois de gañar a semana pasada o premio ao mellor espectáculo na categoría Mar do novo festival de improvisación Orilla Impro Fest, en Alacante; que tamén contou coa presenza galega de Galeatro, coa súa peza Arte sen guión, coproducida coa Cidade da Cultura e o CDG.

Absurdia é un formato de improvisación, inspirado no teatro do absurdo, e baseado na poética do clown, e tamén é “unha traxicomedia existencialista, unha fábula que ri do absurdo da condición humana”. O Forum Metropolitano da Coruña acollerá hoxe, venres 21 de febreiro, ás 20.30 horas, unha nova función deste espectáculo que inclúe “improvisacións alegóricas, situacións esperpénticas, filosofía surrealista, diálogos delirantes e humor xestual”, con historias inspiradas no teatro do absurdo de Samuel Beckett. Este domingo farán unha función na Casa da Cultura de Sarria, ás 17.30 horas, e despois o 27 de febreiro no auditorio Gustavo Freire de Lugo, ás 20.30 horas. 

Sinopse

“Unha paisaxe desolada: podería ser un vertedoiro, unha fábrica abandonada, unha trincheira, unha vella estación. Ducias de cadeiras en montóns desordenados. Tres personaxes abafados por completar unha tarefa que non comprenden e que nunca rematan. Falan, calan, discuten, retórcense, pelexan e danse apertas. Pasan da angustia á euforia cada pouco. Non saben por que están alí, nin o que lles espera. Parece que non poden marchar”.

Equipo artístico

Direción: Antón Coucheiro e Walter Velázquez

Elenco: Dani Blanco, Arturo Cobas e Antón Coucheiro

Asistente coreográfica: Paula Quintas


Publicidade

Luces: Beatriz Rubio

Espazo sonoro: Dani Blanco

Produción: Cou.Media.

Vestiario: CDG

Colaboran: CDG e The Momento Impro

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Guidance Silvia Gribaudi, 2025, ©Paulo Pacheco

A “outralidade” dos corpos em dança no 14º GUIdance de Guimarães

Foto: Lorenzo Negueruela.

Daniel Rodríguez estrea ‘Transeúnte’, danza contemporánea de cerna galega