in

Mala vida e pior morte do rei Ricardo III

O rei no recuncho | Á procura de Ricardo

Mala vida e pior morte do rei Ricardo III
'Mala vida e pior morte do rei Ricardo III'. Foto de Manuel G. Vicente.

Non é infrecuente que os conceptos de Shakespeare e unha biblioteca se crucen. A última coprodución do Centro Dramático Galego, porén, leva esta relación a novos terreos á vez que explora a veracidade dos relatos que se nos contan sobre figuras históricas.

Na información práctica de Mala vida e pior morte do Rei Ricardo III, o lugar indicado da función é a Sala OFF da Biblioteca e Arquivo de Galicia. A primeira vista, igual isto non resulta tan estraño, xa que se podería tratar sinxelamente dun dos varios espazos polivalentes na Cidade da Cultura, mais ao chegar, o público decátase axiña de que a súa entrada á obra tamén serve de billete de viaxe ás entrañas do edificio onde a función terá lugar.

Esta odisea comeza na planta principal da biblioteca, onde o persoal de sala divide o público en grupos reducidos, convidándoos posteriormente a entrar por quendas nun ascensor de servizo escondido a poucos metros da entrada. En silencio, este sobe lentamente até o primeiro andar, onde as portas se abren para revelar un cuarto amplo con máquinas de acondicionamento distribuídas por el. Transitando este espazo, e con cada vez máis curiosidade, a viaxe continúa cunha subida por unhas escaleiras até o relanzo do segundo andar, onde unha porta aberta á esquerda dá paso ao destino definitivo deste camiño: a Sala OFF.

A sala, pouco iluminada por unhas candeas e focos LED repartidos por el, e cunhas cinco filas de cadeiras, vén sendo o ático da biblioteca, con todo o que isto implica. A acción da peza, froito dunha Residencia Artística do Gaiás (REGA), desenvólvese nun espazo debaixo dun tellado inclinado, con outros elementos escénicos provenientes da propia arquitectura do edificio, como un conduto de aire acondicionado e unhas pequenas murallas de formigón. Entrar neste lugar dá a sensación de facerse partícipe dun segredo ou presenciar algo vello e místico.

Algo chocante pode resultar, pois, a música de fondo que soa antes do comezo da función:  maiormente de xéneros como rap, trap e rock. No entanto, esta xustaposición é en realidade un pequeno adianto dos contrastes que están por viren na obra, xa que, ao final, esta se trata dun volume do ciclo das «Clásicas desfeitas», onde as expectativas case sempre se subverten. A primeira escena, na cal Ricardo III, co corpo retorcido, mata simbolicamente e de xeito variado uns cantos bonecos que ocupan unha mesa longa, cunha canción de rap ao fondo, confirma esta sospeita.

A obra continúa con Ricardo lamentando a súa vida a través dunha linguaxe elevada típica do Bardo, mais axiña é interrompido polo Cómico, cuxo corpo, chégase a entender, está a ser posuído polo rei, e quen lle pide que apele máis ás sensibilidades dun público moderno e non tan erudito coma o monarca. É neste momento que se comeza a ver o xogo principal desta montaxe: trátase dun Ricardo III unipersoal.

Collendo como punto de partida o texto tráxico do que é epónimo, Ricardo, interpretado por Evaristo Calvo, vai acto por acto, narrando a súa versión dos eventos principais da súa vida. Para facer isto, Calvo, o único actor que aparece no escenario, dá unha actuación maxistral interpretando non menos de 16 personaxes ao longo da peza, cada un cunha voz, xestualidade e perspectiva distinta.


Publicidade

Usando recursos cómicos e ás veces conmovedores, Calvo consegue reivindicar «a humanidade do monarca fronte ao cruel retrato da traxedia de Shakespeare», que segundo o programa da obra, era o obxectivo principal da peza. É así que, pouco a pouco, se vai desmontando o mito do rei malvado, facendo que en vez de ser o antagonista, sexa un protagonista co que o público pode empatizar, unha técnica dramatúrxica similar á usada en obras coma Maléfica e Wicked.

Tamén destacábel na montaxe é a iluminación sinxela pero evocadora de Octavio Mas, que en momentos clave transforma o espazo escénico (de Marta Calvo), mantendo sempre a estética de, nas palabras do Cómico cando lle explica ao rei as súas propias limitacións como portador do seu espírito, «Éche o que hai».

Todos estes elementos fan que a produción sexa unha experiencia íntima que, dende a entrada ao edificio, convida o público a cuestionar a súa percepción do canons históricos e teatrais e a buscar novas perspectivas inesperadas.

A obra conta con dirección de Antón Coucheiro, Evaristo Calvo e Alessandra García; dramaturxia de María Lado, Calvo, Coucheiro e Shakespeare; vestiario de Concepción; asesoría histórica de Cristina Mourón Figueroa e asesoría dramatúrxica e de movemento de Ana Vallés.

O ciclo de «Clásicas desfeitas» continuou coa seguinte coprodución do CDG: Medea-Mamá-Monstro, unha peza que reexamina a muller detrás do mito tráxico grego.

Mala vida e pior morte do rei Ricardo III, de Producións Teatrais Excéntricas

Dirección: Alessandra García, Antón Coucheiro e Evaristo Calvo

Dramaturxia: María Lado e Evaristo Calvo (inspirada n’A traxedia de Ricardo III, de William Shakespeare)

Asesoría dramatúrxica e de movemento: Ana Vallés

Elenco: Evaristo Calvo

Espazo Escénico: Marta Calvo

Espazo Sonoro: Evaristo Calvo

Espazo Lumínico: Octavio Mas

Asesoría Histórica: Cristina Mourón Figueroa

Produción: Rubén G. Pedrero (Excéntricas), Centro Dramático Galego e Cidade da Cultura de Galicia

Ciclo Clásicas Desfeitas. Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025

Tyler McKechnie

Tyler McKechnie

Tyler McKechnie (New Jersey, EEUU) é creador escénico, educador e fundador da compañía compostelá de performance experimental Oístes? Teatro, onde desenvolve obras inmersivas para espazos non convencionais. Formouse en Neurociencia e Teatro en Muhlenberg College, continuando os seus estudos en escrita dramática na USC e en creación interdisciplinaria con La Fura dels Baus. Leva décadas explorando a creación escénica desde diversas perspectivas, traballando na intersección das ciencias cognitivas e as artes vivas, con especial interese na saúde mental, a alteridade e a experiencia lgbtqi+, explorando novas formas de inmersión do público, diálogo entre disciplinas e o uso de técnicas teatrais en procesos terapéuticos. Foi bolseiro Fulbright, así como participante nunha bolsa REGA (dramaturxia) e en varios festivais como Escenas do Cambio (dirección), afondando na experimentación escénica e na investigación de novos formatos teatrais. Segue explorando os límites da creación contemporánea e os seus vínculos coa percepción, a identidade e a transformación social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ANÖA Elvi Balboa

O Colectivo Glovo convoca a cuarta edición de Atopémonos Bailando

Fábrica de fume

O Salón Teatro acolle a estrea de ‘Fábrica de fume’