in

Belén Regueira reflexiona no Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro sobre a relación entre a escena e o xornalismo

Recolle que actúan nas súas mellores versións “como fiscalizadores críticos do poder” ao tempo que axudan “a construír a esfera pública imprescindible en toda sociedade democrática”.

Belén Regueira Foto de Rebeca Franco
Belén Regueira. Foto de Rebeca Franco.

A xornalista Belén Regueira asina este ano o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro promovido pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). O seu texto reflexiona arredor dos paralelismos entre o teatro e o xornalismo, dúas ferramentas “que actúan nas súas mellores versións como fiscalizadores críticos do poder” ao tempo que axudan a “construír a esfera pública imprescindible en toda sociedade democrática”. A ollos de Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, estes dous mundos, “que só poden prosperar onde hai liberdade”, serven “tanto de espello da nosa vida como de fiestra para entender outras vidas”.

O Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, que cada ano encarga a AAAG a unha sinatura destacada do sector cultural, inclúe neste 2025 tamén mensaxes ao redor das condicións laborais destes dous sectores. “As dúas son profesións precarizadas e nas que a vocación se usa como coartada para facer apandar con malas condicións laborais. A vocación e os aplausos, que tanto prestan nos dous gremios, pero non son un complemento salarial”, salienta a xornalista no Manifesto deste 2025.

Regueira súmase co seu texto á longa lista de persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos da escena, do xornalismo cultural e da literatura que cada ano, a petición da AAAG, asinan o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Esta listaxe inclúe, entre outros moitos, os nomes de Evaristo Calvo, María Xosé Queizán, Xurxo Borrazás, Camilo Franco, Aldao&Lado, Méndez Ferrín ou Imma António. Regueira lerá o Manifesto na gala dos Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Un total de 17 espectáculos compiten polos 16 galardóns nos que se divide os María Casares, certame organizado pola AAAG co patrocinio da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE e Gadis. Nesa mesma gala, farase entrega á familia de Xabier Deive do Premio de Honra Marisa Soto que se lle concedeu a título póstumo ao actor e antigo presidente da AAAG entre os anos 2019 e 2021.

A AAAG escolleu a Belén Regueira “pola súa longa traxectoria no xornalismo cultural”. Decidiu, ademais, pedirlle a redacción do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro “neste 2025, ano en que se vén de aprobar a nova Lei de servizos dos medios públicos da comunicación audiovisual de Galicia; unha lei que se levou adiante coa oposición da Mesa do Audiovisual Galego, que reduce o consenso parlamentario para a escolla do director xeral ou que deixou a porta aberta á introdución doutros idiomas no ente público”, querendo amosar así “o seu compromiso cos medios públicos” e “agradecer o gran labor profesional de Regueira no xornalismo cultural”.

Traxectoria

Belén Regueira (A Coruña, 1977) é desde 2024 a decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Case toda a súa traxectoria profesional está vencellada aos medios públicos galegos. Na TVG presentou o musical Chambo e o faladoiro infantil O país dos pequenos, foi reporteira e condutora de espazos informativos e guionista de programas de entretemento. Na Radio Galega dirixiu o magacín Extrarradio e o espazo sobre migracións Un país mundial. Nos últimos anos forma parte do equipo dos programas culturais da radio pública.

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2025

“Que pinta o xornalismo no Día do Teatro? É sabido que a escena e o periodismo non teñen nada en común. Se acaso, comparten a condición de profesións en crise, hai quen di incluso que en extinción. Porque, quen necesita intermediarios fiables da realidade, habendo algoritmos opacos sen código deontolóxico? A quen lle cómpren historias de ficción representadas ao vivo, cando podemos pagarlles ás plataformas para que nos impidan saír da casa?

Pero nada hai máis oposto que o xornalismo e o teatro. Aínda que, ben mirado, as dúas son profesións precarizadas, con horarios ás veces incompatibles coa vida, e nas que a vocación se usa como coartada para facer apandar con malas condicións laborais. A vocación e os aplausos, que tanto prestan nos dous gremios, pero non son un complemento salarial.


Publicidade

Teatro e periodismo están moi lonxe, abofé. Salvo se cadra no feito de que ningún dos dous ten sentido sen o público. En que estamos obrigadas a preguntarnos por que moitas persoas esquivan as noticias e non poucas evitan os teatros. En que non podemos resignarnos a que a xente moza prescinda de nós nin a ser pasatempo para privilexiados.

Definitivamente, o teatro e o xornalismo non se parecen en nada. Agás talvez en que os dous axudan a construír a esfera pública sen a que non é posible a democracia; en que nos seus días máis afortunados son espello da nosa vida e fiestra para entender outras vidas; en que nas súas mellores versións actúan como fiscalizadores críticos do poder; en que cando son quen de representar o mundo, permiten que o comprendamos e que matinemos sobre como melloralo.

Periodismo e teatro non poden ser máis diferentes, xaora, pero ningún dos dous pode prosperar onde non hai liberdade. A liberdade para informar de maneira veraz, a liberdade para crear sen máis límites que os da imaxinación.

Longa vida ao teatro e ao xornalismo, estes íntimos descoñecidos que poñen as persoas e as súas historias no centro do palco, que nos vacinan contra a submisión e a indiferenza, que ao reunirnos para pensar e conmovernos xuntos nos converten en cidadáns e cidadás”.

 Belén Regueira, Santiago de Compostela, Marzo de 2025

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Dorotea Bárcena en Acto cultural (1982). Foto cedida por Xulio Lago

O IES de Rodeira rende homenaxe a Dorotea Bárcena

Theodoros Terzopoulos Foto do centro en Macedonia do ITI

Theodoros Terzopoulos asina a mensaxe internacional do Día Mundial do Teatro 2025