in ,

Desconfigurando o xénero

Meu Rei, a última das Tres Danzas Escuras

Desconfigurando o xénero, de Daniel Leszo. Imaxe de Daniela Domínguez.
'Desconfigurando o xénero', de Daniel Leszo. Imaxe de Daniela Domínguez.

A danza convértese nun espazo onde a definición de xénero se disolve, onde o corpo se expresa sen restricións e conecta cun saber ancestral que me lembra que antes de que existisen estas categorías xa había corpos que vibraban e ritmos que falaban por si sós.

O que eu comprendo como xénero afastase da idea dunha etiqueta fixa, e coa miña arte doulle forma a aquilo onde as palabras non cobren o valor do significado. Deixarse ser, existir, non precisa encaixar en definicións ríxidas.

No meu caso, danse en min dúas enerxías (home/muller) que se entrelazan e ás veces descolócanme as repentinas disforias con respecto aos meus actos ou forma de vestir.

O importante non é nomealo, senón sentilo e, sobre todo, respectalo. Porque cando unhe se respecta a si mesme, o respecto polo que está fóra xorde de forma natural, sexan persoas ou territorio. O camiño non é impoñer, senón escoitar, deixar que cada quen atope o seu ritmo e acompañar sen presión, sen expectativas, permitirse ser e deixar ser as demais. Parte deste proceso xorde do traballo que investigo na peza Meu Rei.

Meu Rei preséntase como a metamorfose final do personaxe e da persoa, ou, se cadra, unha delas, xa que estamos sempre en continuo cambio. Neste reencontro co corpo, exploro coa miña propia técnica como intérprete e coreógrafo. Empregando a cultura ballroom como base, a danza contemporánea e o butoh fusiónanse nun colaxe que conecta os distintos elementos do voguing. A teatralidade extrovertida do ballroom tínguese coa escuridade do butoh, mentres que o contemporáneo e a performance dialogan para elaborar un novo discurso.


Publicidade

Tras navegar as influencias das miradas externas en ALIEN (2016) e comezar as primeiras conversas coa identidade de xénero en Volutas (2018), con esta danza pecho unha triloxía, aquí remata a miña era das danzas escuras.

Como parte deste proceso, decidín ofrecer un laboratorio de movemento (o próximo, o 29 de marzo en Vigo, no espazo A Artística) onde podemos explorar os conceptos que traballo na peza Meu Rei. Este laboratorio propón unha exploración do corpo dende a súa esencia máis primitiva e flexible.

Iníciase cunha fase de experimentación anatómica, afastada do xénero, onde buscamos unha nova percepción do corpo inspirada no noso lado animal/extraterrestre. Posteriormente, investigamos a transformación da emoción en movemento a través da danza butoh e a cultura ballroom. A “armadura flexible” simboliza a forza e a autenticidade na performatividade sen perder a vulnerabilidade. Finalmente, pechamos cun espazo de autocoidado e conexión, onde a tenrura se converte nun acto revolucionario de beleza e seguridade. Convido a todas as persoas interesadas a mergullarse nesta experiencia de exploración e transformación.

Daniel Leszo

Daniel Leszo

Bailarín, actor e performer por vocación, por amor á arte, como manifesto corpóreo da revolución silenciosa. Desenvolvo o meu traballo dende a práctica corporal e a creación escénica como espazos de reflexión e cuestionamento das normas con exceso de testosterona, é dicir, da masculinidade hexemónica. Formado en danza contemporánea, arte dramática e ioga, transito entre estes campos coa vontade de romper marcos únicos de lectura e producir outras narrativas posibles, afondando na construción dunha danza que cuestione os roles de xénero dende unha ollada íntima e política, procurando abrir espazos de vulnerabilidade e resistencia dende o corpo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Theodoros Terzopoulos Foto do centro en Macedonia do ITI

Theodoros Terzopoulos asina a mensaxe internacional do Día Mundial do Teatro 2025

Antón Reixa e Kirenia M. Acosta. Foto: Cultura Xunta.

Antón Reixa e Kirenia M. Acosta estrean CICATRIZ, primeira coprodución de danza inclusiva do Centro Coreográfico Galego