Tras a estrea oficial en Galicia, celebrada o pasado 20 de marzo na Casa da Cultura de Milladoiro, Ames, o espectáculo Dance Join vai, este sábado 5 de bril ás 20h., á Sala Central Lechera de Cádiz.
Esta función foi seleccionada como unha das propostas do “PROYECTO GARABATO” (alianza entre o “Proyecto Perceptómetros” e o Festival Internacional Cádiz en Danza), unha iniciativa do Concello de Cádiz en colaboración co proxecto Ornitorrinco e a Red Española de Teatros. O “PROYECTO GARABATO” cruza competencias entre cultura e educación como vectores fundamentais na construción da cidadanía.
Dance Join é un espectáculo interactivo que fusiona danza e clown, deseñado para espazos non convencionais, tanto ao aire libre como en interiores. A obra combina danza, humor e música, e é unha metáfora da velocidade na que vivimos, que non respecta o tempo real das cousas. Propón unha visión lúdica e autocrítica do mundo escénico, convidando ao público a participar no caos controlado que presenta, borrando os límites entre artistas e espectadores e transformando cada función nunha experiencia singular e compartida.
Ficha artística e técnica
Dirección: Pablo Reboleiro e Marta Alonso Tejada
Asistencia de Dirección e Dramaturxia: Marían Bañobre
Coreografía e dirección de movemento: Xián Martínez
Asistencia de Movemento: Rut Balvis e Marta Seco
Deseño de Vestiario e Escenografía: Xabier Mujica
Asistencia de Dirección e Escenografía: Juan Bas
Espazo Sonoro e Música: Mounqup e Manuel Fonte
Iluminación: Ángel Sousa
Audiovisuais: Sabela Eiriz
Deseño Gráfico: Igráfica
Agradecementos: DJ AfroBrix, Erea Pérez, Jano Costas
Un espectáculo producido co apoio á creación da Agadic, Xunta de Galicia e coa colaboración dos concellos de Outes e Ames, Asociación Veciñal de Bugallido e o Festival 6 Coreógrafas de A Estrada.
Poderemos ver o traballo en Galicia o próximo venres, 2 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire, Lugo ás 20:30h
Xira de SOFÁ
Ademais a compañía estará de xira por Galicia durante o mes de Abril co seu anterior espectáculo SOFÁ que se poderá ver nas seguintes datas e lugares:-11/04/25 – SOFÁ, Teatro Municipal Lauro Olmo, O Barco de Valdeorras, Galicia – 21:00h
-12/04/25 – SOFÁ, Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, Galicia – 20:00h
-25/04/25 – SOFÁ, Estrada Escena. Teatro Principal de A Estrada, Galicia – 20:30h
-26/04/25 – SOFÁ, Auditorio Municipal de Vigo, Galicia – 20:00h
SOFÁ reafirma o interese da compañía para conectar co público a través de temas próximos. A simplicidade dun obxecto cotián – o propio sofá – contraponse á intensidade e profundidade das emocións exploradas, convertendo a obra nunha reflexión sobre a vida de cada día. É un exemplo contundente do enfoque de Marta Alonso Tejada ao fusionar o cotián coa danza, creando novas formas de narrar o sentimento a través do corpo en interacción con outras disciplinas.
A Cía Martaalonsotejada, dirixida por Marta Alonso, iniciou a súa traxectoria no 2020 coa estrea do espectáculo BAILAR AGORA, primeira peza de danza publicada en Galicia polo selo erregueté, na súa colección de dramaturxia contemporánea. BAILAR AGORA, que recibiu 5 nominacións aos Premios María Casares, marcou o comezo dunha nova proposta moi propia na danza contemporánea galega. Desde entón, cada espectáculo reafirma o seu compromiso de transformar o modo en que vivimos e sentimos a danza, conectando intimamente co público e abrindo novas vías de expresión artística.