in , , ,

Isabel Fernández González gaña o 20º Premio Abrente da MIT de Ribadavia

A entrega realizouse no marco dun acto especial para conmemorar as dúas décadas de historia do certame

Isabel Fernández González gaña o 20 Premio Abrente
Isa Fernández, recollendo o galardón como gañadora do 20º Premio Abrente. Foto de Rosiña Rojo | MIT de Ribadavia.

O texto O miradoiro, da autora leonesa Isabel Fernández González (Isa Fernández, nada en La Valduerna no ano 1993) resultou ser o escollido, por unanimidade, polo xurado do 20º Premio Abrente da MIT de Ribadavia. Este, que estaba formado Ana Romaní, Arantza Villar e Sara Rey, destacou da obra premiada “a profundización dos personaxes e a intelixencia dos diálogos como espello das relacións humanas actuais”.

O texto

A peza presenta “unha conversa íntima entre dúas persoas que reflexionan sobre a súa relación e os seus desencontros, un diálogo que se expande cara a un espazo máis amplo e metafórico, como retrato dunha sociedade cada vez máis individualista”. Para o xurado, o texto “salta habilmente do persoal ao colectivo, nun cruce de xuízos críticos que aborda temas de actualidade dende o contraste de posicións, deixando entrever as dificultades de activar a empatía e recordando a importancia da escoita para a vida en comunidade”.

A autora

“Son orixinaria dunha pequena aldea leonesa, desas que no verán se enchen de trigo seco e no inverno conxelan o alento. Medrei ao quente do braseiro, escoitando á miña avoa contar historias doutros tempos e xogando a contalas no grupo de teatro da escola rural. Para min, o teatro é encontro”, explicou a autora á MIT sobre a súa traxectoria e a súa conexión co teatro. “Escribo dende que teño memoria. Poesía, teatro, ensaio e, sobre todo, textos sen xénero. Unha boa potaxe, que diría a miña avoa. Sempre buscando o xeito de diluír os límites, gústame tanto ler a Beckett como bailar unha boa bachata na verbena. Por iso valoro tanto os proxectos culturais que conectan o teatro e as artes vivas coas vivencias da xente de a pé”, engadiu, en relación coa súa relación coa escritura.

Isabel, segundo compartiu tamén coa MIT, está instalada en Galicia desde hai oito anos, dende que chegou a un recuncho arzuán onde aprendeu o galego das veciñas e se reencontrou co teatro da man da Gentalha do Pichel e da Escola Espazo Aberto. Actualmente forma parte da compañía ALOMAIS Teatro, creada este mesmo ano, que está a piques de estrear a súa primeira montaxe. Cun sacho como símbolo, a autora e o seu equipo entenden o teatro como “o humilde oficio de sachar o espazo para que a vida poida agromar”.

Acto especial

O acto de resolución pública e entrega do premio desenvolveuse esta tarde na Igrexa da Madalena, a partir das 19:00 horas, dentro dun acto especial que conmemorou o vixésimo aniversario do certame, no que se puxo en valor a historia deste galardón clave para a dramaturxia galega contemporánea e se desenvolveu unha conversa que uniu a membros do histórico Grupo Abrente con algunhas das autoras e autores premiados nestes vinte anos.

A programación do festival continuou ás 21:00 horas na rúa de Santo André coa peza HIT (out), da compañía italiana Parini Secondo, un proxecto coreográfico e musical no que o salto á corda se utiliza como elemento sonoro e de creación. O peche da xornada chegará ás 23:00 horas no Auditorio Rubén García do Castelo, onde o colectivo portugués Circolando / CRL – Central Elétrica presentará Crátera, “unha peza de gran potencia visual que debulla cuestións ecolóxicas nun plano micro, a partir da relación entre a paisaxe volcánica e as persoas que a habitan, e dando como resultado experiencias de conexión coa terra, con outras formas de linguaxe e lucidez diferentes ás habituais”.

Programación de mañá

A Mostra continuará mañá, venres 25 de xullo, coa súa programación. A mañá comezará cunha nova sesión do obradoiro de clown impartido por Roi Borrallas no Colexio da Alameda, reservado para persoas previamente inscritas. Xa pola tarde, ás 20:00 horas, a compañía galega Ítaca Teatro levará ao Auditorio Manuel María da Casa da Cultura a peza Profetas. Co texto de Ernesto Is que fora gañador dun Premio Abrente, o espectáculo “presenta unha reflexión escénica sobre cuestións como o compromiso político e artístico a partir da conversa íntima dunha exparella”.

Ás 21:30, a rúa da Alameda volverá acoller unha nova función de HIT (out) das italianas Parini Secondo, mentres que o peche da xornada será ás 23:00 horas no Auditorio ‘Rubén García’ do Castelo, onde a creadora Luz Arcas (Premio Nacional de Danza) e a súa compañía La Phármaco presentarán Tierras raras, que reúne baile e cante en directo nunha peza “sobre a cortiza terrestre, sobre o exercicio de escarvar e sobre a beleza e a destrución que se esconde por baixo dela”.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A festa dos Títeres, do festival Titiriberia

O Titiriberia celebrará a súa décima edición entre o 12 e o 17 de agosto

espectáculo hit out

A MIT de Ribadavia clausura a súa 41ª edición