A asociación Morreu o Demo, co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebrará en Rianxo a décima edición do festival de monicreques tradicionais Titiriberia. Será entre o 12 e 17 de agosto cun programa que se centrará en brindarlle ao público rianxeiro unha radiografía do xénero escénico dos monicreques que se está a desenvolver na actualidade na Península Ibérica. Así, compañías e artistas procedentes de Valencia, Navarra, Euskadi, Aragón, Galicia e Portugal amosarán as súas creacións nun Titiriberia que, un ano máis, apostará pola descentralización do seu programa e levará as súas funcións a diferentes espazos e lugares da xeografía municipal.
Deste xeito, parroquias como O Araño, Asados, Isorna, Taragoña ou Leiro converteranse en escenarios durante os seis días de programación de Titiriberia, como tamén o serán lugares tan emblemáticos do municipio como é a praia de Tanxil. Ademais, no propio Rianxo, o Campo de Arriba será un dos epicentros de Titiriberia. Neste lugar se instalará a Feira Vella, espazo central do festival onde se celebrarán diferentes obradoiros destinados ao público familiar e no que tamén se desenvolverá unha parte importante das citas desta décima edición. Entre elas destaca o Varietés de Barriga Verde, espectáculo de variedades que produce o propio festival coa participación de diferentes artistas e que, neste 2025, se celebrará o xoves 14 de agosto.
Avance da programación
Dúas serán as compañías vascas que participen este ano en Titiriberia: Tenderete, que representará a súa obra Menundencias, e Toti Martínez e Músicos, que traerá até Rianxo a súa peza Brujas y Brujerías. De Navarra chegará Firulete coa súa montaxe Basoa e dende Valencia, o público rianxeiro recibirá a Ball de Sant Vito, que actuará coas producións Pais de Babia e Gori Gori. A formación aragonesa Teatro Arbolé ofrecerá ao longo do festival un pase da peza El ladrón de sandías.
Portugal estará representado pola compañía Red Cloud, orixinaria de Aveiro. Esta formación, fundada en 2013, brindaralles aos espectadores dúas montaxes do seu repertorio: Castelo de fantasmas e Bonecos, dirixida esta última por Quico Cadaval. Os nomes galegos que pasarán este ano polo Titiriberia serán Títeres Alakrán, Babaluva, A Cova das Letras, Os Monicreques de Kukas, Tanxarina, Nao Caracola, Trécola, Díaspora ou Viravolta.
Curso de formación con Santi Prego
Os días 13 e 14 de agosto, o actor e monicrequeiro Santi Prego, profesor de Historia das Artes do Espectáculo na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), impartirá un curso de formación destinado a maiores de 16 anos. Tratarase dun “achegamento á farsa como xénero teatral carnavalesco, cómico e subversivo”. Nel traballarase con personaxes tipo, o corpo como ferramenta expresiva e estruturas básicas de creación escénica, e incluirá unha parte teórica e unha parte práctica en grupo.
A inscrición está aberta até o 9 de agosto e para anotarse ou ampliar a información cómpre enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo: info@barrigaverde.eu. O curso dura oito horas repartidas entre as dúas xornadas, inclúe ademais unha visita guiada á exposición sobre os Monicreques de Kukas e unha palestra titulada Os cegos dos monifates, con Anxo García e Comba Campoi.



