A erregueté non podía, nin quería!, fallar ao convite de Teatro Extremo para celebrar os trinta anos, trinta!, do Sementes, a Mostra Internacional de Artes para o Pequeno Público. Un evento pensado e realizado con moitísimo esforzo, teimosía e imaxinación por este equipo “extremista”… que presentou aquí a súa 66ª creación titulada Natural_Mente en coprodución con Produções Acidentais, e dirixida por Andy Burden, da compañía inglesa Natural Theatre Company. Natural_Mente é unha animación de rúa na que catro personaxes representan tres situacións diferentes mesturándose co público nunha experiencia inmersiva e alegre que transgride o cotián.
Nesta 30ª edición no concello de Almada e nos municipios colaboradores de Louro, Palmela e Montemor-o-Novo, presentáronse 33 actividades entre espectáculos (teatro, marionetas, manipulación de obxectos, música, circo contemporáneo, teatro de rúa, danza e performance) unha exposición, obradoiros artísticos e Aletria Biblioteca Itinerante.

Participaron un total de 17 compañías: 11 portuguesas (de Almada, Lisboa, Porto, Évora, Tondela e Lousã), e outras 6 alén fronteiras, de España e Italia, que foron mostrando os seus espectáculos entre o 16 de maio e o 1 de xuño.
Teatro Extremo, que organiza o Festival Sementes, Companhia de Teatro de Almada, organizadora do Festival Internacional de Teatro de Almada e a Companhia de Dança de Almada, coa Mostra Coreográfica Internacional, compañías recoñecidas nacional e internacionalmente pola súa intensa e cualificada actividade, están nunha situación crítica. Como tamén o están outras estruturas saídas do Movimento Associativo Popular, que durante 40 anos foron defendidas, apoiadas e patrocinadas pola Asemblea Municipal de Almada presidida pola Coligação Democrática Unitaria (CDU) integrada polo Partido Comunista Portugués e o Partido Ecologista “Os Verdes”.
Para esta coalición da esquerda portuguesa o investimento público no desenvolvemento de proxectos de creación cultural e artística foi –durante 40 anos no poder– un piar esencial e imprescindible do desenvolvemento integral do ser humano.
Mais, desde a chegada do PS á presidencia da cidade en 2017, é manifesta a redución dos apoios públicos municipais á creación teatral. Este proceso de progresiva asfixia, culminou coa aprobación dun novo regulamento designado de “apoio à criação teatral e performativa de Almada” que, paradoxalmente, conduce a unha diminución dos apoios públicos municipais á creación teatral e performativa e á actividade cultural en xeral.
Comentaremos deseguido as Compañías que puidemos ver os días que estivemos, do 29 de maio ao 1 de xuño:
Trigo Limpo ACERT de Tondela, Companhia Portuguesa de Bailado Contemporâneo de Lisboa, a Cia. Marimbondo de Lousá e Zurrunka Teatro & La Semilla Voladora, mais a Cía. Adrián Conde de España. Ademais das representacións subliñamos de novo algo que xa comentamos noutras crónicas sobre o Sementes: o magnífico clima de convivencia que con tino e sensibilidade sabe crear Teatro Extremo entre as compañías, técnicos e convidados.
Deste xeito puidemos falar devagar, entre outros, cos actores de Trigo Limpo, a compañía de teatro formada en 1976 que foi o xermolo da ACERT (Associação Cultural e Recreativa de Tondela).
Esta singularidade, que un grupo de teatro profesional estea na xénese dunha asociación, vai marcar toda a dinámica da ACERT na formación, na produción artística renovadora e nunha programación permanente sempre en relación coa comunidade.
Quedamos impresionados cando, ao longo da conversa, os actores de Trigo Limpo –curioso nome nestes tempos corruptos!– nos mostraron imaxes do magnífico edificio cuxo teatro dispón de tres anfiteatros, un deles ao aire libre para realizar os espectáculos de verán.
A peza representada foi Car 12, A Grande Viagem. Nesta viaxe sen palabras, dous actores entran en escena iluminados por unha sorprendente bicicleta chea de obxectos. Con humor poético vannos mostrando paisaxes sonoras con instrumentos inventados por Miguel Cardoso baixo o apoio e dirección de José Rui Martins. Simpleza e invención quedan plasmadas con xestos e melodías que nos conmoven baixo a cálida luz do espectáculo.

Outra das conversas na sobremesa foi con Detlef Schafft, pallaso alemán con 70 anos de idade afincado en Lousã, fundador e director da Companhia Marimbondo. Xunto a Eva Cabral inauguraron en febreiro de 2019 o Museo do Circo MOMO, instalado nunha antiga escola de primaria en Foz de Arouce, concello de Lousã.
O MOMO é un punto de encontro para dar a coñecer historias, xentes e vivencias do circo tanto tradicional como contemporáneo e proporcionar tamén espectáculos, encontros, obradoiros, etc. Todo dirixido á procura da cor, da liberdade, da ledicia fronte ás cores “cincentas” da ignorancia e a tiranía.
A Companhia Marimbondo, coa Banda Rumtátá, foi a encargada de poñer punto e final ao Sementes no Largo Gabriel Pedro con música circense, malabares, números cómicos e, claro, moito rumtátá!

Zurrunka Teatro & La semilla Voladora son dúas compañías vascas que están compostas por Eñaut Gorbea, especialista en monicreques e sombras, e Amaia Garrosa, artista de teatro físico. Birakolore é un espectáculo activista, titiriteiro e itinerante.
Basilio e Valeria, dous vellos campesiños aparecen na praza, invadida polo cemento, tirando dun carro cheo de plantas, sementes e auga. Camiñan paseniño percorrendo as rúas parándose en calquera fenda na que se poida botar un pouco de terra e ofrecerlle ao público, miúdo e adulto, unha semente, unha planta e auga para regar. E ofrecían tamén pequena follas de papel para pendurar das árbores nas que se podían ler pequenas poesías como estas: “Quer música? Plante árvores, em breve os pássaros virão com as suas canções.” “Se todos nós plantássemos uma árvore, os esquilos voltaríam a vaguear pela Europa sem tocar o chão.”
Para nós resultou ser un espectáculo poético, rebelde, participativo e utópico.

Adrián Conde coa súa compañía presentou Chek Out, a súa última produción. Todo acontece no lobby dun hotel no que Eugenio traballa transportando maletas dun lado para outro sen apenas ter tempo para xantar e estar coa súa familia.
Unha comedia visual, sen palabras e con aires de cine mudo “chaplinesco” que convida a reflexionar sobre o ritmo frenético en que vivimos. Unha precisa e minuciosa execución na mestura de maxia, clown, humor e malabares.
A Companhia Portuguesa de Bailado Contemporâneo (CPBC) ofreceu no Forum Municipal Romeu Correia, a peza breve de danza titulada Honori Perpatimata da coreógrafa e bailarina Rita Judas. Cinco xoves bailarinas lograron emocionar co seu belo e áxil movemento motivado pola acertada escolma musical nunha viaxe entre o soño e a realidade.

Teatro Telaio é unha Società Cooperativa Sociale nacida en Brescia no ano 1979. A función pedagóxica que desenvolven no teatro para crianzas é a través do poético e dunha linguaxe surrealista.

Arquipélago é unha instalación composta de pequenas cabanas iluminadas na escuridade da noite. Son illas que as crianzas van percorrendo. En cada pequena illa, o naufrago atopa unha mensaxe que contén unha pregunta ou unha petición simbólica. Unha experiencia sensorial na que a nena e o neno escoitan o son das buguinas, gardan pensamentos, observan as cores do calidoscopio, din no espello o que lles gusta deles ou narran o seu soño preferido en pequenas gravacións.
Con todos os atrancos que o Sementes ten, a mingua de orzamento ou mesmo a sorprendente contraprogramación do concello no Día das Crianzas… este festival coida con mimo e calidade a súa programación ofrecendo ao público variados espectáculos de distintos formatos e xéneros.
- 30ª edición de Sementes: Sempre gozando e aprendendo - 02/08/2025
- O Rato Pérez - 18/01/2025
- “O teatro é un viveiro para o desenvolvemento intelectual e afectivo” - 11/01/2025



