A compañía teatral Galeatro pon en marcha esta semana, co patrocinio da Deputación da Coruña, o proxecto Reino de Galicia á escena, un festival histórico-teatral que ten como obxectivo “dinamizar espazos con gran valor patrimonial, dar a coñecer a historia do noso país e sacar as artes escénicas dos seus recintos de exhibición habituais”. Con estas metas a iniciativa Reino de Galicia á escena, gañadora do III Certame Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia, desenvolverase en dous enclaves emblemáticos: nos castelos de Moeche e de Mesía. Nos dous espazos ofrecerase unha visita dramatizada guiada polo historiador Hadrián García Pérez e representarase a montaxe Arte sen guión. A primeira das citas celebrarase este venres, 5 de setembro, no castelo de Moeche e a segunda o día 12, na fortaleza de Mesía.
Reino de Galicia á escena sosterase ademais nun terceiro piar: a difusión audiovisual a través das redes sociais da man da actriz e reporteira Carlota Mosquera, quen realizará diferentes “pílulas divulgadoras para difundir tanto a programación do evento coma diferentes aspectos históricos dos emprazamentos escollidos para esta primeira edición”. As pezas de Mosquera, que se distribuirán polas redes sociais de Galeatro (en Instagram e Facebook), servirán de contrapunto virtual para as visitas dramatizadas que conducirá Hadrián García Pérez, docente e graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela que na actualidade leva a cabo labores de educador de museos no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate e de monitor eventual na Fundación Eduardo Pondal.
Hadrián García Pérez conducirá estas visitas dramatizadas para o público asistente durante as cales se desenvolverán microescenas centradas na historia destes dous recintos e mais na súa relación co Reino de Galicia. Estas intervencións servirán de introdución para a función de Arte sen guión.
Arte sen guión é unha montaxe escénica coproducida por Galeatro xunto á Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego. A obra parte da pregunta “existiu o teatro medieval en galego?” e procura dar resposta a esta interrogante empregando as ferramentas da improvisación contemporánea. Para iso, o elenco (conformado por Alba Bermúdez, Tone García, Miguel Canalejo, Nacho Martín e Alba Nogueira) encarna catro comediantes que representan os entremeses recompilados nun estraño códice da idade Media. Para encher as partes incompletas do mesmo, os actores e as actrices botan man do público para, coa súa axuda, cubrir as lagoas.
Para asistir a estas funcións, o público deberá acudir o día propio de cada función antes do seu comezo, fixadas en ambos os dous casos para as 20.45 horas, e recoller no propio recinto as súas entradas, que son gratuítas.



