in

Camiño Escena Norte presenta a súa sétima edición

Achegará dez espectáculos de danza, teatro e circo a unha decena de localidades galegas

Paula Quintas representou un anaco do seu Multiperspectivas#3
Paula Quintas representou un anaco da súa peza 'Multiperspectivas#3'. Foto de Miguel Lamas.

A programación da sétima edición do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte, que decorrerá do 12 de setembro ao 26 de outubro e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), achegará dez espectáculos de danza, teatro e circo a outras tantas localidades de Galicia. Serán pezas para públicos de todas as idades de compañías orixinarias de Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa.

A programación, dada a coñecer onte en Santiago de Compostela, desenvolverase en Arzúa, Carballo, Foz, Lugo, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vilalba, Vimianzo e Negreira (que se estrea como sede do programa. Baixo o lema Sementar, coidar, xermolar, a sétima edición de CEN achegará até distintos escenarios e públicos os traballos de compañías que forman parte deste programa de intercambio, no que Galicia tamén exportará o seu talento aos demais territorios a través de Pérez & Fernández, Grupo Chévere e Paula Quintas Cía., quen onte representou un anaco do seu Multiperspectivas#3.

Presentación de Camiño Escena Norte 2025 en Galicia
Foto grupal na presentación da sétima edición de Camiño Escena Norte en Galicia. Foto de Miguel Lamas.

Camiño Escena Norte levará un total de 18 espectáculos polas 60 sedes que formarán parte do seu itinerario de exhibición, nomeado Constelacións. Trátase dunha programación itinerante de artes escénicas na que prevalece a diversidade de linguaxes, estéticas e formatos, tanto para público infantil e adolescente coma adulto; producións de teatro de texto, novo circo, danza e artes do movemento, creación contemporánea, espectáculos didácticos e experiencias site-specific. No caso de Galicia, os seus escenarios contarán coa visita de seis compañías: La Roca Producciones e Zigzag Danza (Asturias), El Tejo Producciones (Cantabria), NiMú (Euskadi), Led Silhouette (Navarra) e El Perro Azul (A Rioxa).

Este Itinerario Constelacións comezará, como é habitual, na cidade de Santiago de Compostela. A primeira cita será o venres 12 de setembro na Praza da Quintana e chegará da man de Pausa, unha proposta circense para todos os públicos da compañía vasca NiMú, e que se volverá representar o 26 de setembro en Carballo, no marco do FIOT; festival co cal CEN desenvolve unha estreita colaboración desde hai anos a través do proxecto Vieiros (para a promoción de eventos escénicos fóra do seu territorio).

A partir do vindeiro día día 12, as compañías xirarán polas provincias da Coruña e Lugo. É así como a rioxana El perro azul visitará Foz e Negreira co seu Globe Story, unha peza para todos os públicos); a cántabra El Tejo Producciones presentará El jardín de las posibilidades en Vimianzo, dirixida a público adulto; os navarros Led Silhouette bailarán Halley en Lugo; e a asturiana Zig Zag Danza dará a coñecer Postales Rotas en Ribadeo. De Asturias tamén chegará Zozobra, unha coprodución teatral de La Roca Producciones e Acar Teatro del Mundo, dirixida a público adolescente e adulto, que se poderá ver en Arzúa, Vilalba e Outes.

Camiño Expandido

Xunto ao Itinerario Constelacións convive o programa Camiño Expandido, que abrangue toda a actividade fóra do circuíto de funcións. Unha das novidades deste ano é FOCOS, que se estrea en Cantabria, e que conterá un coidado programa de actividades, desde accións de promoción do sector escénico cántabro até o Encontro Habitación Peregrina PRO (o encontro profesional que se desenvolveu en Lugo desde 2020 e que, desde este 2025, pasa a ser itinerante), que terá lugar no Palacio de Festivais de Cantabria do 16 ao 18 de setembro.

Na sétima edición percórrense tamén máis Vieiros, a iniciativa enmarcada no Camiño Expandido e que une ao CEN con distintos proxectos culturais dos territorios co obxectivo de dar forza e contexto ao programa, ademais de proxectar fóra da comunidade os proxectos locais. Nesta ocasión, traballarase co Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT); Rincones y Recovecos e Danza Xixón (Asturias); o programa Movimiento en Red Cantabria; Bideart Zigoitia (Euskadi), e Festival Mute e o Festival Iberoamericano de Teatro da Rioxa (FITLO), ambos na Rioxa.

No 2025 mantéñense actividades como talleres, coloquios e encontros co público. A iniciativa Mirando as constelacións (un mapeo das sedes nas que haberá actividade de CEN) e o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte (unha selección de 36 producións, seis por comunidade, que serve de promoción e apoio para a distribución fóra do ámbito do proxecto) completan a oferta de CEN en 2025.

O proxecto

Camiño Escena Norte naceu no 2019 co obxectivo de “promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor os roteiros históricos do Camiño de Santiago do norte da Península Ibérica”. Ao longo destes sete anos, Camiño Escena Norte levou o teatro, a danza e artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Desde este 2025, tamén chegará a un novo territorio: A Rioxa.

CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), Escenasturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto.

CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial; nun ano no que se incorpora Deleite. Ademais, CEN conta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

Programación completa en Galicia

  • 12/09, ás 19.00h | Santiago de Compostela
    Praza da Quintana (en caso de choiva, Casa das Máquinas)
    Pausa, de niMú (Euskadi)
    Circo. Todos os públicos. Entrada libre ata completar capacidade.
  • 13/09, ás 20.00h | Foz
    Praza Conde de Fontao (en caso de choiva, Sala Bahía)
    Globe Story, de El perro azul (A Rioxa)
    Teatro. Todos os públicos. Entrada libre ata completar capacidade.
  • 19/09, ás 20.00h | Arzúa
    Xardín Casa de Correos (en caso de choiva, Capela da Madanela)
    Zozobra, de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias)
    Teatro. Público adulto e adolescente. Entrada libre ata completar capacidade.
  • 21/09, ás 20.00h | Vilalba
    Auditorio Municipal Carmen Estevez
    Zozobra, de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias)
    Teatro. Público adulto e adolescente. Entrada libre ata completar capacidade.
  • 26/09, ás 18.00h | Carballo
    Praza Cruz Vermella (en caso de choiva, Mercado Municipal)
    Pausa, de niMú  (Euskadi) – Actuación enmarcada no programa VIEIROS
    Circo. Todos os públicos. Venda de entradas.
  • 02/10, ás 20.00h | Lugo
    Auditorio Municipal Gustavo Freire
    Halley, de Led Silhouette (Navarra)
    Danza. Todos os públicos. Venda de entradas.
  • 17/10, 20.30h | Negreira
    Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón
    Globe Story, de El perro azul (A Rioxa)
    Teatro. Todos os públicos. Venda de entradas.
  • 19/10, ás 20.00h | Outes
    Auditorio Casa da Cultura
    Zozobra, de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias)
    Teatro. Público adulto e adolescente. Venda de entradas soltas, ou bono para todas as actividades do trimestre a prezo reducido.
  • 25/10, ás 20.30h | Vimianzo
    Auditorio Municipal.
    El jardín de las posibilidades, de El Tejo Producciones (Cantabria)
    Teatro. Público adulto. Venda de entradas.
  • 26/10, 20.00h | Ribadeo
    Auditorio Municipal Hernán Naval
    Postales rotas, de Zig Zag Danza (Asturias)
    Danza. Todos os públicos. Venda de entradas desde 30 minutos antes da función no despacho de billetes do auditorio.
Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Un baile ceibe, de Fran Sieira Compañía de Danza, na presentación do FIOT

O FIOT desvela o programa completo da súa 34ª edición

Cidade Imaxinaria

A proposta de ocio familiar Cidade Imaxinaria volve ao Gaiás