Aínda estamos no verán, pero xa hai un sabor outonal. As borrascas que foron entrando a finais de agosto e na primeira semana de setembro, que tanta falta nos facían, contribúen a ese ambiente. Tamén o comezo da temporada teatral, que fai que algúns espazos de artes escénicas saian do seu letargo estival. Neste sentido, o comezo do curso académico sempre ten un halo primaveral, polas estreas de espectáculos que florecen nos escenarios nesta época. Velaí un dos aspectos que fan bonita a volta á escola.
A primeira alegría que levei foi no final das festas de María Pita da Coruña, o 24 de agosto de 2025, na praza que leva o seu nome. Foi a recuperación dun xénero escénico lírico e tradicional: a estampa galega, que conxuga música, teatro, canto e baile, nun contexto costumista. Asumido aquí nunha re-elaboración máis contemporánea. Trátase de AS CIGARREIRAS, un espectáculo realizado pola coalición entre a Banda Municipal de Música da Coruña e o Coro Galego Cantigas da Terra, fundado na cidade herculina en 1916, xunto ao grupo de baile Santaia.
Cantigas da Terra acolle no seu seo o coro, o grupo de gaitas e o cadro de teatro, que dirixe Isabel Risco. Ela foi, precisamente, a encargada de darlle corpo e voz a María Pena Barreiro, unha das operarias da Fábrica de Tabacos da Coruña que, o 7 de decembro de 1857, encabezou a revolta das cigarreiras por mor das condicións precarias laborais. A Fábrica de Tabacos foi o escenario das primeiras loitas sindicais protagonizadas por mulleres que se libraron naquela altura en toda Europa.
Xunto a Isabel Risco, actuaron Victoria Pérez, Manuel Fernández, Jose Losada e Alberte Bello, ademais das integrantes do cadro teatral de Cantigas da Terra. Carlos Ares encargouse do texto, Estefanía Gómez e Iván Villar (coñecidos polo seu traballo en Nova Galega de Danza) ocupáronse da dirección de movemento, Suso Montero fixo a escenografía e Marta Horjales ocupouse da coordinación xeral do proxecto. Un macro espectáculo, no que interviu un cento de persoas.
En tres actos representaron o contexto daquelas mulleres que traballaban na fábrica, explotadas e sen dereitos, fronte aos homes, que eran o patrón ou ocupaban os postos de encargados e vixiantes, con mellores condicións ca elas. O estilo folclórico da música, no bo sentido do termo, con todo o poderío instrumental e tamén vocal, en melodías que remiten a finais do século XIX e principios do XX, contrastaba cunha concepción estética teatral austera. Investida dun certo ton ritual, nas procesións en fila ou en roda, ou na mecánica repetitiva, estilizada coreograficamente, do traballo manual facendo os cigarros, en contraste con momentos de clímax “dramático”, nas escenas de enfrontamento entre as mulleres obreiras e os encargados e o patrón, sen esquecer as estacións máis épicas de arenga, protagonizadas por María Pena Barreiro.
As cigarreiras é unha estampa galega, reformulada desde unha sensibilidade actual, que fai desfrutar ao público congregado polo despregue musical, coral, dancístico e teatral, polo sabor enxebre que non fica desfasado, e porque nos lembra ou descobre un capítulo da nosa historia, protagonizado por mulleres obreiras, que é un exemplo a moitos niveis.
Da Fábrica de Tabacos da Palloza na Coruña, e daquela revolta do 1857, á Real Fábrica de Tabacos de Sevilla en 1820, retratada na novela curta Carmen (1845) de Prosper Mérimée. Mellor dito, á súa adaptación como libreto de ópera, realizado por Henri Meilhac e Ludovic Halévy para a ópera homónima de Georges Bizet. Coincidindo co 150 aniversario da súa estrea, na Opera Cómica de París en 1875, puidemos desfrutar dela en 2025 no Pazo da Ópera da Coruña, o 5 e o 7 de setembro. Foi a apertura da LXXIII temporada lírica da Asociación Amigos da Ópera da Coruña, nunha produción do Gran Teatre del Liceu de Barcelona, con dirección escénica de Calixto Bieito.
Carmen tamén é cigarreira, ademais de muller emancipada e libre, entre o amor de Don Xosé, o militar, e o de Escamillo, o toureiro.
Estamos diante dunha ópera moi popular, de melodías pegadizas e escenas de paixón erótica, que o imaxinario caracteriza como amorosas.
Gianluca Martinenghi, conducindo a Sinfónica de Galicia, deulle unha densidade fina e delicada á música, sen exacerbar os arroutos pasionais e tráxicos da propia partitura. Calixto Bieito, na posta en escena, foi capaz de sorprendernos, malia esta ser unha das óperas máis coñecidas. O mastro fálico coa bandeira de España, os coches vellos Mercedes, o touro de Osborne, son iconas patrioteiras, ás que se suma unha estética entre Torrente de Santiago Segura e Jamón, jamón de Bigas Luna.
De Bieito, que despuntaba como director nos anos 90 en Barcelona, teño visto varios traballos, pero lembro especialmente unha poderosísima montaxe de La vida es sueño de Calderón de la Barca, tamén ambientada na area circular dunha praza de touros. Nesta Carmen ese espazo simbólico vai ter a máxima importancia, non exento de ironía, mesturando Eros e Tánatos. Do mesmo xeito que a banda de contrabandistas, que acompañan a protagonista, ou o estamento militar, representan dous xeitos, en certo modo paródicos, de “españolez”, que aglutina orgullo, picaresca, descaro, candidez, paixón e festa. A escenificación de Bieito é provocativa e eficaz, porque consegue que as situacións dramáticas non fiquen nunha pose acartonada, pretenciosamente fiel ou historicista. As escenas funcionan e concitan a nosa atención.
Tamén desfrutamos dun bo reparto, no que destaca, poderosa, a Carmen de Sofija Petrovic, cunha voz profunda e un aspecto exuberante. Emocionante a Micaela de María José Moreno, capaz de transmitir todo o contraste dos sentimentos menos convulsos e máis demorados, fronte ao arrouto e ao balbordo circundante. E convincente actoral e vocalmente o Don José de Oreste Cosimo, resolvendo escenas nada fáciles.
E así arrincou, para min, a temporada teatral que coincide co inicio do curso lectivo, cunha estampa galega actualizada e cunha das óperas máis coñecidas que, malia iso, nos sorprendeu.

- O que hai e o que buscamos - 23/11/2025
- O corpo a vontade e o ser - 16/11/2025
- Quincegotas. O extraordinario está nas pequenas cousas - 02/11/2025



