in , ,

O FIOT de Carballo celebra unha xornada previa ao arranque da súa 34ª edición

Mañá pola tarde ofrecerá varias actividades con entrada de balde antes de inaugurar oficialmente o xoves a programación

foto do cartel da mesa redonda do Consello da Cultura Galega sobre a regueifa no FIOT
O Consello da Cultura Galega colabora co FIOT na organización da mesa redonda 'A arte do canto improvisado: tradición, ensino e perspectivas contemporáneas'. Fonte: Consello da Cultura Galega.

O Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo desenvolverá mañá, mércores 24 de setembro, varias actividades abertas ao público, con entrada de balde, no Pazo da Cultura, na xornada previa á inauguración da súa 34ª edición. A regueifa será a protagonista “como aperitivo” da proposta escénica Territorio Regueifa, de Ainé Producións e coproducida polo FIOT e o CDG, espectáculo encargado de inaugurar o programa de sala do festival a vindeira semana, os días 3 e 4 de outubro, no Pazo da Cultura.

A primeira das actividades comezará ás 17.30 horas, e será a proxección do avance do documental Ao son da regueifa, de Undodez, que retrata o renacer desta arte de improvisación oral tan nosa para descubrir as voces que a manteñen viva na actualidade.

A segunda iniciarase a partir das 18.00 horas, e consistirá na mesa redonda A arte do canto improvisado: tradición, ensino e perspectivas contemporáneas, da man do Consello da Cultura Galega. Os regueifeiros e especialistas neste xénero artístico Alejo Amoedo, Domingo Blanco, Lupe Blanco e Manuel Maseda participarán nesta sesión de análise e divulgación desta expresión cultural. 

Ademais, a partir das 20.00 horas, inauguraranse, tamén no marco do Festival, as exposicións Zoom FIOT e Xesto, de Noelia Paz, coa música en vivo da banda carballesa Quercus Blues.

Máis dun mes de programación

O Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo, iniciará oficialmente a súa 34ª edición este xoves, 25 de setembro, dando comezo a unha programación que se estenderá durante máis dun mes, ata o vindeiro 31 de outubro, e que incluirá 45 espectáculos, dos cales 11 serán estreas absolutas, 11 serán estreas en Galicia e 2 serán coproducións do propio festival.

Durante cinco semanas o FIOT encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro. Serán propostas abertas a diferentes públicos e en diversos formatos, procedentes de 3 países (España, Bélxica, Arxentina) e 9 comunidades autónomas do Estado (Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco), e complementaranse cunha vintena de accións de mediación.

As funcións encadraranse dentro das liñas de programación habituais do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, e a maiores o FIOT acollerá 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.

“Raíz viva, memoria colectiva” é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade e que contará con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países e 9 comunidades autónomas, ademais dunha vintena de actividades de mediación.

Podes consultar aquí o programa completo 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe da web de Santiago Catalán.

Vinte anos da Esadg

Maribingo Foto de Miguel Balbuena

Cambados acolle unha nova edición do festival DESFOGA