A compañía Teatro Caracol, co apoio do Concello de Cambados, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación de Pontevedra e a Fundación Paideia, e a colaboración de A Krazzy Kay, a Asociación Cultural e Deportiva de Cambados e a bodega Paco y Lola, desenvolverá en Cambados unha nova edición do festival de artes vivas DESFOGA os días 2, 3, 4 e 5 de outubro. Os espazos que acollerán a programación serán a Cultural, a Krazzy Kay e o Auditorio da Xuventude.
Este ano o festival enfocouse na exploración das “diferentes estratexias que os artistas LGTBIQ+ desenvolveron ao longo da historia para deixar pegada no imaxinario colectivo”, a través dunha programación que inclúe a exhibición de espectáculos, residencias artísticas e outras actividades complementarias.
Espectáculos
Uma manhã que de ontem chega
Artista: Mourae
Data: 2/10, 22:00
Lugar: KrazzyKray. Rúa da Parra, 9, 36630 Cambados, Pontevedra
Sinopse: “Mourae presenta o seu primeiro proxecto musical e EP homónimo onde utiliza a simboloxía das mouras como campo de xogo para experimentar coa súa identidade e as súas propias vivencias. Reflexionando sobre o que significa a tradición, mestura estruturas musicais da cultura popular galega con samples de videoxogos e retallos de gravacións de campo lanzadas automaticamente mediante machine learning. É unha homenaxe sonora construída vendo o tempo como unha incesante eternidade, como un mapa visto desde o ceo”.
Familia Nijinska
Artista: VACAburra
Data: 3/10, 20:00
Lugar: Auditorio da Xuventude. Rúa San Francisco, 3, 36630 Cambados, Pontevedra
Sinopse: “Familia Nijinska é unha conferencia escénica debuxada que parte da historia dunha familia de artistas, os Nijinska, cuxos proxenitores Eleonora e Tomasz eran dous bailaríns polacos e os seus descendentes, o coñecido bailarín e coreógrafo Valslav Nijinsky e a súa irmá, a tamén bailarina e coreógrafa Bronislava Nijinska.
Familia Nijinska busca pistas para imaxinar e pensar futuros posibles, atrevéndose a ficcionar outros horizontes de posibilidades ao noso alcance. Unha ollada disidente da historia que revisa o canon poñendo en valor figuras esquecidas e creando novos trazados nas narrativas existentes para tratar de construír co público un pensamento crítico”.

Maribingo
Artista: Las Vedettes de Usera (Travela Vargas y Mujer Vaquero)
Data: 3/10, 22:00
Lugar: A Cultural. Rúa Nova, 2, 36630 Cambados, Pontevedra
Sinopse: “Maribingo é un bingo como nunca o xogaches: un espectáculo performativo e festivo que mestura o clásico sorteo de números con humor, música, sátira e unha boa dose de glamour travesti. Concibido como un espazo de encontro popular e afectivo, celebra as disidencias sexo-xenéricas cun espírito lúdico, político e descaradamente brillante.
Entre cancións, bailes, comentarios afiados e referencias culturais, as anfitrioas travestis transforman cada partida nunha experiencia cuir e desbordada, onde a festa e a reflexión conviven. Minimalismo e exceso, sofisticación e trash, todo cabe neste ritual colectivo que activa teatros, prazas, museos ou centros culturais.
O público, por suposto, non é mero espectador: agárdase un dresscode á altura do evento —normcore de fistras, brilli brilli e maquillaxe sen medo ao desborde—, preparado para gañar desde premios absurdos ata inimaxinables”.
Lucha Libre Cabaret
Artista: Lucha Libre Rebelión
Data: 3/10, 20:00
Lugar: A Cultural. Rúa Nova, 2, 36630 Cambados, Pontevedra
Sinopse: “Imaxina unha competición na que se funde a intensidade atlética da loita libre coa sensualidade, o misterio e o glamour do cabaré. Un universo onde nada é imposible: a escuridade estoupa en luz, os ritmos arrebatan os sentidos, as criaturas xorden do fondo da noite e os corpos convértense en poesía visual. Aquí, o ring transfórmase nun espazo de exceso e beleza cuir.
Este show rompe coa tradición masculinizada da loita libre para darlle presenza a personaxes diversos: loitadores con aspecto feminino, personaxes con estilo camp, mulleres con corpos poderosos e traxectorias de resistencia.
Deste xeito, o espectáculo que aquí presentamos non é só cabaré e loita libre: é unha celebración da diversidade, un ritual performativo que desafía o machismo tradicional, honra aquelas figuras que rexeitaron os roles impostos e reivindica o queer como forma de resistencia, gozo e poder.
Loitarán no ring: La Perla, Alexis Luna, Jazze Parry, Abril de la Plata, Lexi Kimbo, Adonis, Santos, Licántropo e Che Monet.
Este espectáculo construíuse en colaboración con Lucha Libre Rebelión”.
Diversidad Lírica
Artista: Jacobo Rubianes e Pablo Martínez Cárdenas
Data: 5/10, 12:00
Lugar: A Cultural. Rúa Nova, 2, 36630 Cambados, Pontevedra
Sinopse: “Unha viaxe musical que percorre séculos de creacións clásicas e operísticas, iluminando os desexos, os segredos e as rebeldías que latexan baixo as partituras. Este concerto reúne arias, lieds e fragmentos corais que, máis aló da súa beleza atemporal, agochan historias de paixóns prohibidas, identidades ocultas e afectos disidentes que atoparon refuxio na música.
De Händel a Britten, de Schubert a Poulenc, de cantos barrocos a melodías do século XX, o recital debuxa un mapa sonoro da presenza queer na tradición clásica: compositores e compositoras que codificaron os seus amores nas notas, intérpretes que fixeron da súa voz un manifesto de liberdade, e personaxes operísticos que transitaron xéneros, máscaras e ambigüidades.
Cada peza convértese nunha revelación: unha maneira de escoitar a historia da música non só como patrimonio universal, senón tamén como arquivo de vidas e corpos que resistiron ao silencio. O escenario transfórmase así nun espazo de celebración, onde a arte vocal clásica dialoga coa memoria LGTBIQ+ e a eleva, para ofrecer un concerto tan exquisito como necesario”.
Outras actividades
Acción en liña
A Cara de DESFOGA
Data: todos os días en Instagram.
Descrición: “Este ano convidamos a Meiga-i a ser A Cara de DESFOGA durante os días do festival e un pouco máis. Meiga-i é unha fantasía galega que combina música, performance e cultura dixital cunha personalidade inconfundible. Desde a retranca e a comicidade, aborda a nosa realidade cultural e lingüística desde unha óptica contemporánea, cunha ollada crítica e ao tempo festiva, sempre en clave de orgullo galego e diversidade.
Durante o festival, A Cara de DESFOGA materializarase nunha serie de pezas audiovisuais con todo o estilo particular de Meiga-i: diarios en redes sociais que mesturan divulgación e humor, entrevistas e comentarios críticos sobre obras, artistas e situacións que atinxen a cultura galega contemporánea. Unha forma de facer accesible, popular e divertida a reflexión sobre a lingua, a identidade e mesmo as conexións coa realidade doutras minorías culturais do mundo.
Cada día, Meiga-i achegará o seu propio repaso informativo do festival, convertendo as redes nun espazo de encontro onde conviven a análise, a retranca e a maxia da súa performance. Con ela, o Desfoga expándese máis alá dos escenarios e as prazas, para entrar tamén nos móbiles, nas pantallas e no cotián, facendo comunidade desde o goce e o pensamento crítico”.
Residencias artísticas
Hector Fuertes
Proxecto: Y.O.L.O (You only live once / So tes unha vida)
Datas: do 25 ao 31 de agosto.
Descrición: “Formado en Artes Visuais e Danza con mención en Teatro Físico en Bogotá, este creador e performer investiga a mística da relación entre a estrela pop e o seu fan: unha ligazón de culto, adoración e necesidade mutua onde o concerto se converte en liturxia e a devoción roza a experiencia mística. No seu traballo tamén se revela a outra cara do sistema estelar: a industria que fabrica e devora figuras públicas, expoñendo a súa fraxilidade e a alienación que supón manter unha identidade artificial.
Entre a intensidade atlética do corpo, a sensualidade do cabaré e a vulnerabilidade da icona pop, as súas pezas transforman o escenario nun espazo de exceso, beleza e tensión, onde o culto e a crítica se funden para ofrecer unha experiencia performativa inesquecible”.
Esta residencia realizouse en colaboración con Espacio Nigredo e FERIA, Federación de Espacios de Residencias de Investigación Artística).
Vacaburra
Proxecto: Familia Nijinska
Datas: do 11 ao 15 de agosto.
Descrición: ” A Cía. Vacaburra traballou en Cambados durante as primeiras instancias do proxecto que se presenta durante o festival e que ten por título Familia Nijinska”.
Actividades paralelas
Seres Corais
Artistas: Nuria Vil e Mounqup
Descrición: “Tras o éxito da colaboración o ano pasado entre Andrea Nunes, Mercedes Peón e a Coral Polifónica Santa Mariña de Cambados, o Ministerio de Cultura concedeunos un apoio para poder fomentar esta colaboración entre poetas, músicas e corais polo territorio español. Para esta segunda edición decidimos contar con dúas novas artistas: Nuria Vil e Mounqup.
Desde este verán, Nuria Vil e Mounqup están traballando para voltar a activar a segunda edición do proxecto en Galicia, Extremadura e Murcia.
O proxecto Seres Corais pretende unir xeracións a través da poesía destes creadores, transmitindo a profundidade política e filosófica dos seus versos co obxectivo de construír unha sociedade máis inclusiva, aberta e xenerosa. Nuria Vil dirixirá obradoiros de lectura e análise de poesía contemporánea, mentres que Mounqup guiará o proceso de musicación dos poemas seleccionados. Os coros aprenderán estas composicións e interpretaranas diante dun público uns meses despois.
Esta estratexia transforma a poesía nunha ponte interxeracional e nunha ferramenta pedagóxica para familiarizar as persoas maiores coa linguaxe e o discurso das novas xeracións”.
Cálculo de pegada de carbono
Executor: Pudu Austral
Descrición: “Pudú Austral é unha consultora especializada en xestión climática que axuda ás organizacións a medir, reducir, compensar e certificar a súa pegada de carbono. O seu enfoque combina ferramentas e metodoloxías aliñadas coa Axenda 2030 e o Acordo de París, garantindo que as avaliacións e os plans de descarbonización cumpran cos estándares internacionais e as mellores prácticas actuais.
Invitamos a Pudú Austral a analizar a pegada de carbono de DESFOGA conscientes de que todo evento ten impactos significativos no clima: mobilidade do público, consumo de enerxía e alimentos, produción de residuos. Tras o seu informe, axudaranos a definir unha estratexia de compensación e unha comunicación transparente co público e as institucións que nos apoian.
Esperamos que Pudú Austral nos axude a tomar decisións máis informadas, establecer obxectivos medibles e avanzar cara a un festival máis responsable e coherente cos compromisos climáticos internacionais”.



