A bailarina, creadora e actriz porriñesa Janet Novás vén de ser galardoada co Premio Nacional de Danza 2025, na modalidade de Interpretación, mentres que o correspondente á modalidade de Creación recaeu no coreógrafo onubense Guillermo Weickert. Estes premios, que concede anualmente o Ministerio de Cultura a través do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), están dotados con 30.000 euros cada un, e entréganse “como recompensa e recoñecemento ao meritorio labor de persoas ou entidades deste eido cultural, posto de manifesto a través dunha obra ou actuación feita pública ou representada durante o 2024, aínda que tamén poden outorgarse como recoñecemento a unha traxectoria profesional”.
O xurado acordou a concesión a Janet Novás “pola excelencia técnica e o gran magnetismo dos seus traballos Si pudiera hablar de esto no haría esto, Mercedes máis eu, e a súa versión final de Where is Janet?, que definen unha bailarina comprometida coas linguaxes contemporáneas e cunha enorme calidade nos planos coreográfico, narrativo e interpretativo, unha artista que asume riscos en cada traballo, capaz de xerar un código expresivo, no que se hibridan outras linguaxes, que conecta co espectador dende a honestidade e a intensidade emocional”. A acta conclúe que “Novás soubo ademais articular unha voz propia a través dos seus proxectos, nos que o seu talento interpretativo se converte no eixe que sostén e potencia o discurso coreográfico”.
Guillermo Weickert obtivo o seu recoñecemento “pola calidade e orixinalidade da súa peza de 2024 Luz sobre las cosas, unha coreografía fascinante no seu uso da luz e o espazo, que conecta coa percepción do corpo e a liberdade creativa do coreógrafo, director e bailarín. Esta peza únese a outras de enorme risco presentadas nos últimos aos, que confirman a solidez dunha traxectoria que o situou como un artista de referencia para diferentes xeracións en España e no panorama internacional”.
- O CDG estrea ‘Memorias dun neno labrego’ - 08/01/2026
- O festival internacional Galicia Magic Fest está a celebrar a súa novena edición - 03/01/2026
- Falece o actor Miquel Insua - 31/12/2025



