A 18ª edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense, FITO, que terá lugar entre os días 16 e 27 de outubro deste ano acollerá, xunto coa exhibición de espectáculos, os froitos de 4 bolsas de creación de pezas a escala “que porán o acento nas creadoras e nos creadores ourensáns buscando e promovendo o diálogo entre disciplinas artísticas e apoiando a fortaleza e o pulo creativo do sector”. O Festival abriu a convocatoria dun concurso de ideas onde os creadores poderán postularse para ser os beneficiarios desas catro bolsas de creación correspondentes a catro micro-espectáculos, performances ou pezas singulares de pequena escala “que deberán ter como carta de natureza a contemporaneidade, a hibridación e o diálogo entre artistas, xéneros e disciplinas englobadas dentro das artes vivas”.
Baixo o título 67 graos Ourense Fervescénica (nome que fai referencia á temperatura coa que sae a auga do cano grande da Burga), as catro propostas seleccionadas contarán con cadansúa achega por parte do FITO de 300 €, para facer fronte aos gastos de produción dos micro-espectáculos ,cunha duración máxima de 20 minutos e mínima de dez, que con posterioridade se exhibirán na Sala Emilia Pardo Bazán, do Campus de Ourense, nunha única xornada, que se desenvolverá o día 22 de outubro. Serán as persoas asistentes a esta xornada de exhibición as que elixirán de entre as pezas seleccionadas a gañadora, que obterá 300 € máis de achega económica, acadando os 600 € de achega.
Con esta iniciativa o FITO “busca reforzar a influencia positiva a nivel social, cultural, artístico e económico que xera o festival activando o tecido cultural de base ademais do profesional, promovendo unha cidade viva e visibilizando a cultura e os seus profesionais”.
A convocatoria “pretende, ademais, dentro das súas posibilidades,demandar de xeito proactivo políticas que incentiven e non castiguen a acción cultural, divulgar novas linguaxes artísticas no ámbito das artes escénicas, e pór acento no desmantelamento cultural e as políticas desactivadoras”.
O envío de propostas, que poderá facerse de xeito telemático, a través da páxina web do festival e do seu correo, remata hoxe día 14 de outubro, ás 23:59 horas.



