in , ,

A ESAD de Galicia inaugura o curso académico 2025/2026

Cun acto de homenaxe e unha lección inaugural a cargo de Cándido Pazó

Candido Pazó
Cándido Pazó

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) acolle hoxe, 14 de outubro, ás 11:00 horas, o acto de homenaxe e lección inaugural do curso a cargo do dramaturgo, director e actor Cándido Pazó. O acto, que contará coa asistencia de autoridades educativas e culturais, estará conducido pola profesora Cristina Domínguez, profesora na ESAD e membro do Consello da Cultura Galega. Ao longo do evento haberá distintos momentos que recorden a traxectoria do autor, como coloquios sobre os festivais nos que participou estreando espectáculos como Commedia, As do peixe, etc., ou intervencións de exalumnas e exalumnos con fragmentos de obras súas como Fillos do sol.

Adrián Ríos, Alba Bermúdez, Melania Cruz, María Armesto ou Santi Prego serán algunhas das persoas que intervirán no acto como membros da comunidade educativa ou profesionais en activo que traballan e traballaron con Cándido Pazó e ao mesmo tempo desenvolveron a súa formación na ESADg.

Outra das homenaxes do día terá lugar na Aula P5, que se renomeará co nome de Aula Cándido Pazó e onde se descubrirá unha imaxe “para recordar o seu legado e a súa contribución ao sistema teatral e a mellora da calidade e da profesionalización do conxunto da cultura galega”.

Finalmente, ás 16.30 horas, Gonçalo Amorim, o director artístico do FITEI e do Teatro Experimental do Porto (institucións que tiveron moita relación no intercambio escénico galego portugués do que Cándido Pazó participou moi activamente ao longo da súa carreira profesional), realizará unha aula maxistral baixo o título “A dramaturxia como forma de traballo colectivo”.

Dende a ESAD  formulan esta xornada como “un día de convivencia, intercambio, aprendizaxe, memoria e recoñecemento colectivo co cal o novo equipo directivo pretende ir visibilizando os valores principais do seu proxecto para este centro artístico: cohesión, visión social da cultura, apertura á cidade, convivencia e posta en valor da memoria, do legado e da lingua galega como motor diferencial dunha escola de artes escénicas aberta ao mundo”.

 Figura clave do teatro galego actual

Dende a Escola resumen así os motivos da elección de Cándido Pazó como figura central do acto de inauguración deste curso académico: “Natural do barrio vigués de Navia, Cándido Pazó é unha figura clave do teatro galego actual e un referente para as novas xeracións que cursan os seus estudos na escola de teatro de Galicia, situada no mesmo lugar en que o homenaxeado pasou a súa infancia. Cándido Pazó destaca tamén no xénero da narración oral, un traballo que evidencia a responsabilidade e o nivel de esixencia que un creador/a escénico/a debe ter tanto no coñecemento da oralidade da súa lingua propia como do coidado e compromiso coa súa tradición cultural, valores fundamentais que a ESAD quere transmitir ao seu alumnado”.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pablo Reboleiro en Drop

Pistacatro gaña o Premio Nacional de Circo 2025

Frida 2.0 r horizontal

A nova edición do 67 Graos Ourense Fervescénica do FITO busca propostas