“Polo seu destacado labor na creación e difusión de propostas circenses dunha enorme presenza escénica, rigor e carisma, con importantes fitos en 2024, como a xira de Drop, unha montaxe sorprendente cunha linguaxe propia, e a consolidación do seu espectáculo Orquestra de malabares, no que fusionan a música e o circo, un traballo de gran formato co que lograron unha ampla proxección nacional e internacional”. Así vén de xustificar o xurado do Premio Nacional de Circo 2025 a concesión deste galardón á compañía galega Pistacatro, fundada en 2006 e liderada por Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Belém Brandido e José Expósito.
Ademais, o xurado recolleu tamén na súa acta o seguinte: “Como produtores e prescritores, foron impulsores do novo circo galego e descubridores de artistas emerxentes durante os últimos 20 anos, con traballos que unen a innovación e a educación. Na súa traxectoria cómpre destacar ademais a súa innegable contribución á divulgación e a investigación do xénero no marco das Xornadas D10!, que impulsan dende hai unha década”.
Este galardón, dotado con 30.000 euros, é concedido anualmente polo Ministerio de Cultura a través do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), “para recoñecer a actividade de entidades e profesionais españois do circo tanto en España como no estranxeiro”.



