Cunha programación que inclúe 16 estreas. Así soprará as 30 candeas o Festival Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio e patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Industrias Culturais; o Concello de Santiago; a Deputación da Coruña; o Ministerio de Cultura e Deporte, a través do Inaem; e a Fundación SGAE; para celebrar o seu trixésimo aniversario. Será entre o 11 e o 19 de outubro, na capital galega, nun programa que contará coa presenza de compañías de países como Arxentina, Italia, Portugal, México ou Colombia, que virán a Galicia para dar a coñecer os seus novos espectáculos.
A 30ª edición do Festival Internacional Galicreques terá o seu espazo central no toldo instalado no paseo central da Alameda de Santiago e estenderá a súa actividade a diferentes espazos da cidade, como os centros socioculturais de Conxo, Romaño, Ensanche, Santa Marta, Laraño, Fontiñas, Lavacolla, A Gracia, Castiñeiriño e Vite, así como ao Teatro Principal, á Fundación SGAE, á Reixa e, por vez primeira, á Sala Capitol.
Estreas galegas e internacionais
Galicreques 2025 acollerá 16 estreas, entre elas as de catro formacións galegas. Deste xeito, Kalina Teatro presentará a súa peza Limonardo dá vento o venres 12, Mircromina Teatro dará a coñecer Pasmo de pedra o sábado 11, e Nauta pechará o festival coa súa nova obra, Ephimeros, o domingo 19, xusto despois da entrega do Premio Galicreques 2025. Ademais, K’paparota e Danthea Teatro estrearán o luns 13 a peza Verán na lavandería no marco do programa de funcións escolares.

De procedencia internacional serán as estreas El último árbol, de El Guiñol del Guiñol (Colombia), que se presentará o sábado, día 11; cando tamén se poderá ver por primeira vez Lazarillo del riachuelo, do arxentino Gonzalo Guevara. Dende Arxentina chegarán tamén outras dúas propostas inéditas: Tape y otros cuentos, de Roberto White, e La luna como testigo, de Agarrate Catalina.
Outra peza que verá a luz en Santiago será O rei va nú, da compañía portuguesa Fío D’Azeite o domingo 12. Tamén botarán andar en Galicreques as novas montaxes de Títeres Candelilla (Chile) con Kuiyen, sueño mapuche o martes 14; Zaches Teatro (Italia) con Cenicienta o mércores 15, e Andarte Sonando (México) con Ya se armó la Titerelia o sábado 18 de outubro.
O Galicreques será, así mesmo, o escenario no que verán a luz as novas creacións de compañías procedentes doutros lugares do Estado, como a de Panta Rhei, compañía vasca galardoada co Premio Galicreques en 2018, que presentará Krim, pequeño lobo o xoves 16, ou a catalá Fil de Guá, que sorprenderá ese mesmo día coa súa nova obra, Emproianova. As outras dúas estreas incluídas no cartel poderán verse o venres 17 da man de Txotxongillo Taldea (País Vasco) coa función escolar de Caminos para la poesía e La Tartana (Madrid) con Un hilo me liga a vos, para público xeral.
Podes consultar e descargar aquí a programación completa de Galicreques 2025




