Os bares da zona de Churruca volverán a converterse en salas de exhibición escénica, acollendo 4 propostas escénicas en 4 espazos diferentes ao longo da tarde de hoxe, domingo, 5 de outubro. Será grazas a unha nova edición do Teatro Gorrilla, o proxecto autoxestionado e alternativo que desenvolven en Vigo Sergio Llauguer, Laura Merchán e Eva Comesaña.
A programación comezará ás 18 horas no Tinta Negra (rúa dos Irmandiños, 2); continuará ás 19.30 horas no The City (rúa Irmandiños, 17), que se vén de incorporar á ruta do Teatro Gorrilla; proseguirá ás 20.30 horas na Casa de Arriba (rúa Martín Códax,23); e rematará despois da actuación que acollerá ás 21.30 horas a Sala Kominsky (rúa Irmandiños, 3).
Artistas
Esta primeira convocatoria da nova temporada do Gorrilla contará presenza de:
- Lara Álvarez e Elsa Comesaña, coa proposta Planeta Pop: a alien que se converteu en superestrela. Sinopse: “A historia dunha famosa alieníxena que veu á Terra para converterse nunha superestrela do pop. A través do teatro documento, recompoñeremos e trataremos de comprender a esta misteriosa personaxe e os seus descubrimentos no noso planeta”.
- Colectivo Improversados, compañía de teatro musical improvisado que veñen coa peza Y tú me lo preguntas? Sinopse: “Dous oráculos gregos itinerantes van percorrendo as tabernas da rexión contestando calquera pregunta que lles faga a súa audiencia. Show de impro musical con elementos do metateatro no que dous oráculos crean cancións e escenas ao momento, a partir das preguntas do público”.
- Isolda Comesaña, coa peza en proceso Sagrado corazón. Sinopse: “Unha investigación escénica arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza. Unha peza íntima, a modo de confesionario, que colle a figura do cabaleiro errante medieval para cuestionar o mito do relato nacional, as relixións monoteístas como forzas disciplinadoras do corpo e a natureza e a relación das mulleres co seu propio desexo. Todo un mosaico de temas dispares que tecen unha voz poética, visual e física encarnada na actriz e creadora da peza”.
- Alicia López, co traballo en proceso Coma un cencerro. Sinopse: “Unha mostra performativa dos contidos dun proxecto de investigación que leva por nome A vergonza era verde e comeuna a vaca. A vergonza tende a medrar, engule canto ten diante. A persoa precisa afouteza para facerlle fronte, para loitar, para rachar ataduras, para liberarse, para ser, para mostrar a humanidade que estaba escurecida, abafada”.
Orde de exhibición e entrada
A presentación das artistas non é na orde na que van actuar. Dende o festival non desvelan a hora de actuación de cada artista para convidar o público a que vaia a todas as propostas. A entrada será inversa. O público accederá libremente e ao saír fará unha achega monetaria, valorando por si mesmo o traballo das artistas e organización, aínda que esta última recomenda un mínimo de 4 euros para cada peza.




