in ,

ALÓproducións estrea ‘Do reino (e) dos amores proscritos’ en Ribeira

Este xoves 16 de outubro de 2025 ás 21h15 no Auditorio Municipal de Ribeira

'Do reino (e) dos amores proscritos'. Foto de ensaio: Afonso Becerra
'Do reino (e) dos amores proscritos'. Foto de ensaio: Afonso Becerra

A Mostra de Teatro de Ribeira acolle a estrea do espectáculo Do reino (e) dos amores proscritos de ALÓproducións (Alberte Bello), este xoves 16 de outubro de 2025 ás 21h15 no Auditorio Municipal de Ribeira.

Isabel Risco en 'Do reino (e) dos amores proscritos' de ALÓproducións. Foto de ensaio: Afonso Becerra
Isabel Risco en ‘Do reino (e) dos amores proscritos’ de ALÓproducións. Foto de ensaio: Afonso Becerra

O espectáculo, con dramaturxia e dirección de Afonso Becerra de Becerreá, recibiu un premio no III Certame Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes da Deputación da Coruña. Ademais, contou coa colaboración das áreas de cultura do Concello de Lugo e da Deputación de Lugo, cidade esta última na que se realizaron os ensaios ao final do verán.

Isabel Risco en 'Do reino (e) dos amores proscritos'. Foto de ensaio: Afonso Becerra
Isabel Risco en ‘Do reino (e) dos amores proscritos’. Foto de ensaio: Afonso Becerra

Na sinopse do espectáculo sinálase:

“Xoguete teatral “vintage” contemporáneo, que propón unha viaxe ao Reino de Galiza, na Idade Media, desde os primeiros asentamentos humanos, a lenda celta, dos castros aos castelos, coa Gallaecia romana polo medio. Unha viaxe lúdica e festiva, desde a perspectiva de artistas (trobadores, xograres, soldadeiras), mulleres (raíñas) e vidas e historias LGBT. Un espectáculo contemporáneo para evocar aquela época, na que se encontran os fundamentos de boa parte da nosa cultura. Un reino e uns amores proscritos da historia oficial, durante moito tempo. Unha viaxe fascinante a través do xogo teatral e da música medieval, interpretada en directo con instrumentos de época e co tesouro das nosas cantigas.”

Henry Vidal, Ana Carreira e Alberte Bello en 'Do reino (e) dos amores proscritos'. Foto de ensaio: Afonso Becerra
Henry Vidal, Ana Carreira e Alberte Bello en ‘Do reino (e) dos amores proscritos’. Foto de ensaio: Afonso Becerra

No escenario actúan Ana Carreira Varela, Isabel Risco, Alberte Bello e Henry Vidal. Este último ocúpase da música e de interpretar a Martín Códax, Xohán de Cangas e Mendiño. Pola súa banda, Alberte Bello, ademais de actuar tamén se ocupa da escenografía, da caracterización e da iluminación. O equipo complétase coas ilustracións de Paula Garrote e coa colaboración na produción, xunto a Bello, de Ana G. Fernández.

Para a dramaturxia Becerra contou con textos de creación propia, pero tamén con dous textos e dous poemas orixinais da escritora Rochi Nóvoa Vázquez para as escenas das raíñas Dona Sancha e Dona Urraca. Ademais das cantigas medievais, o espectáculo integra algúns versos de Pondal, de Novoneyra e de Darío Xohán Cabana e aséntase en múltiples fontes documentais, sendo unha das fundamentais o libro Vidas e historias LGBT na Idade Media de Carlos Callón, que aparece directamente no espectáculo.

'Do reino (e) dos amores proscritos'. Foto de ensaio: Afonso Becerra
‘Do reino (e) dos amores proscritos’. Foto de ensaio: Afonso Becerra

Segundo o director de escena, trátase dun espectáculo “moi agradable e lúdico, entre a narración oral, con Ana Carreira como mestra de cerimonias, a instalación e o xogo con deseños recortables, como aquelas bonecas de cartón de antano, ou os debuxos animados, de factura moi artesanal. A partir do relato van xurdindo, evocadas máis ca representadas, as personaxes dos trobadores, as soldadeiras, as raíñas e dúas escenas de amor.”

'Do reino (e) dos amores proscritos'. Foto de ensaio: Afonso Becerra
‘Do reino (e) dos amores proscritos’. Foto de ensaio: Afonso Becerra

Becerra tamén sinala: “Unha das delicias do espectáculo, ademais de recuperar a memoria ficcionada, viaxando ás orixes da cultura galega, son os números musicais cunha instrumentación e unha interpretación que nos leva á Idade Media. Eu tiña ganas de ir a un espectáculo onde puidese ver e ouvir aos trobadores que fixeron ese tesouro da lírica galego-portuguesa. Igual que tiña ganas de homenaxear á primeira profesional das artes escénicas galegas: María Balteira”

Os billetes para a función deste xoves poden encontrarse aquí.

Henry Vidal en 'Do reino (e) dos amores proscritos'. Foto de ensaio: Afonso Becerra
Henry Vidal en ‘Do reino (e) dos amores proscritos’. Foto de ensaio: Afonso Becerra
Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Frida 2.0 r horizontal

A nova edición do 67 Graos Ourense Fervescénica do FITO busca propostas

Imaxe dun ensaio de Ca-Co-Flex!

ALOMAIS Teatro estrea ‘Ca-Co-Flex!’