in ,

Ferran Joanmiquel Pla gaña o L Premi Born de Teatre 2025

Coa peza ‘La solitud dels cossos celestes’

Ferran Joanmiquel Pla. Foto cedida polo Cercle Artístic de Ciutadella.
Ferran Joanmiquel Pla. Foto cedida polo Cercle Artístic de Ciutadella.

No acto celebrado no Teatre des Born de Ciutadella de Menorca o sábado 18 de outubro, deuse a coñecer a obra gañadora da edición número 50 do Premi Born de Teatre 2025, que organiza o Cercle Artístic de Ciutadella.

Na acta, asinada polas secretarias do Premi Born 2025, Joana Riudavets e Lina Pons Massanet, faise constar que, despois de avaliar 116 textos provenientes de 10 países diferentes, o xurado, formado por Eulàlia Carrillo, guionista de televisión e directora argumental de series televisivas, Josep Ramon Cerdà, dramaturgo e director teatral, xestor cultural e profesor de lingua e literatura, e Ricard Gàzquez, dramaturgo e profesor de escenificación e dramaturxia, escolleron entre as obras finalistas La solitud dels cossos celestes de Ferran Joanmiquel Pla.

A obra gañadora

Na acta tamén se sinala que a obra gañadora é “un drama familiar de alta intensidade emocional que emprega unha poderosa metáfora astronómica para explorar as distancias emocionais, os silencios afianzados e os traumas herdados entre tres irmás. A obra desprega un dispositivo dramatúrxico central —a «constelación familiar»— que funciona como un mecanismo terapéutico e teatral para desenterrar verdades ocultas e provocar unha catarse longamente demorada.

O texto destaca pola súa coherencia estrutural, a solidez da construción dos personaxes e a creación dunha atmosfera de intimidade sostida por un evidente dominio das convencións dramáticas. A nivel lingüístico, cada unha das tres voces femininas presenta unha personalidade propia e diferenciada, o que nos permite anticipar un traballo actoral cheo de matices e sensibilidade.

Esta é unha obra conmovedora, escrita con precisión e intensidade, que combina unha gran riqueza expresiva cunha profunda reflexión sobre a familia, a memoria e a reconciliación. Unha proposta audaz, de gran solidez dramatúrxica.”

O autor

Ferran Joanmiquel Pla (1975, Girona) é dramaturgo e director e tamén traballa como profesor de teatro en diferentes ámbitos socioeducativos. Actualmente imparte clases de Teatro Social e Dramaturxia na Escola Universitaria de Artes ERAM-UdG de Salt.

A nivel internacional, participou nos seguintes proxectos: A vegades em sembla que et veig, un proxecto de escritura de rúa dirixido polo director arxentino Mariano Pensotti no Festival Temporada Alta; un intercambio de autores coorganizado por Maison Antoine Vitez e Sala Beckett, no que se representou a lectura dramatizada de Blau no Théâtre Ouvert de París, dirixida por Matthieu Roy; o texto La crida foi seleccionado polo PIIGS Crisis Drama Festival, que se puxo en escena no festival Tramedautore no Piccolo Teatro Grassi de Milán, dirixido por Carolina de la Calle Casanova; e como autor catalán vinculado á Sala Beckett, forma parte do proxecto europeo de intercambio de autores Fabulamundi Playwriting Europe, contexto no que se está a representar a lectura dramatizada da versión italiana de El rey del Gurugú no Amfiteatro Augusteo de Lucera, dirixida por Mauro Lamanna.

Gañou varios premios de dramaturxia: o Boira de Vic por Riu Gener, o Recull de Blanes por Dinou, o Bartrina de Reus por Blau, o Calldetenes por Vidres als ulls e tamén Pantà, o Inicia’t de Badalona por La filla de Chagall, o Octubre de València para Tots els colors del blanc, o Sagunt por Dones que parlen; o Àngels Poch d’Òmnium Terrassa por Samurai e tamén Una dona sense nom; o Palanca i Roca de Alzira por Frontera; e por último, o Andreu Solsona de Badalona por Fúria.

Entre as súas obras estreadas destacan: Dinou (dirixida por Carles Fernández-Giua, Sala La Planeta), Desitjar viure en un pais sense vent (dirixida por Sílvia Escuder, compañía El Mirador) ou Blau (dirixida por Jordi Prat i Coll, Sala Beckett). Coa súa compañía, Cos a Cos, dirixiu e estreou Vidres als ulls, La crida, El rey del Gurugú (La Nave Va), La filla de Chagall e Cent dies i cent vides (Festival Temporada Alta).

As súas pezas de teatro documental, El color de la llum e El·lipsi, formaron parte do Ciclo de Teatro Verbatim do teatro La Planeta de Girona. Máis recentemente estreou as obras Samurai e Una dona sense nom, ambas producidas polo teatro La Mercantil de Balaguer.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Elena Santiago e Afonso Becerra co libro da erregueté de 'O silencio'.

Os personaxes e ‘O silencio’ de Elena Santiago

Imaxe da peza Postales Rotas, de ZigZag Danza

Camiño Escena Norte despide a súa sétima edición