in

Os personaxes e ‘O silencio’ de Elena Santiago

Elena Santiago e Afonso Becerra co libro da erregueté de 'O silencio'.
Elena Santiago e Afonso Becerra co libro da erregueté de 'O silencio'.

Este venres 17 de outubro coñecín a Elena Santiago García, unha rapaza de Andorra duns trinta anos que é actriz e que, durante a pandemia, segundo comentou, ficou case sen traballo. Daquela pensou en que iso de esperar a que a chamasen que non era plan e que ela tamén quería propoñer e xerar proxectos. Pensou en que lle gustaría escribir unha peza para poder ela mesma producila, interpretala e intentar movela polos teatros. Xa se formara como actriz na ESAD do Institut del Teatre de Barcelona, entón decidiu apuntarse a un curso intensivo de escrita dramática dos que ofrece a Sala Beckett e alí comezou a desenvolver a súa primeira obra, que quería ser unha re-escrita da Antígona.

Logo de moito tempo e de diferentes fases de escrita, o texto que lle foi saíndo non era para nada aquilo que ela buscaba nun principio: unha obra para unha actriz, fácil para producir e para poder movela polos teatros. Porén, saíulle unha obra de gran formato, para un elenco máis ou menos amplo. Unha obra sobre a memoria histórica, sobre as fosas comúns, sobre os “pasadores” que, como o seu nome indica, pasaban a persoas que fuxían da morte na época nazi ou na ditadura fascista española. Unha traxedia que, con personaxes menos arquetípicos (menos ríxidos) e máis individualizados (psicolóxicos e contraditorios), se converte nun drama familiar, cunha estrutura de thriller. Ao final, como ela sinalou, non se trataba de poñer a obra ao servizo da autora, da actriz, do ego, senón poñerse ao servizo da obra, do que ía pedindo o texto, escoitando o texto e intentando servilo.

A súa ópera prima titúlase El silenci e, en vez de durmir nun caixón á espera de que Elena tivese o nome e o diñeiro para poder producila, gañou o XLIX Premi Born de Teatre 2024, que organiza o Cercle Artístic de Ciutadella de Menorca. Foi precisamente alí, no Cercle Artístic, este 17 de outubro de 2025, cando coñecín a Elena, na presentación que fixemos das edicións da súa obra nas catro linguas do Estado español que inclúe este prestixioso galardón, que este ano xa vai pola súa L edición, a número 50.

O silencio forma parte da dramaturxia catalá traducida ao galego, na colección de libros da erregueté. Para min foi un desafío volver a escribir en galego o texto de Elena, traducilo, no que a dimensión local da lingua ten a súa relevancia, porque, a través dela se cruzan as realidades de varias xeracións, en diferentes épocas. Un texto moi valente, pola profundidade e a dimensión dos conflitos, de alcance ético universal – velaí o eco de Antígona – e inzado de sensibilidade, polo coidado e a atención á lingua do rural andorrano, fronte á lingua que se fala na actualidade, e tamén polo deseño dos personaxes.

Elena comentou, no relatorio que deu despois da presentación das edicións de Arola, en catalán, Artezblai, en éuscaro e en castelán, e da erregueté, en galego, que, para ela, o fundamental eran os personaxes. Non só porque ela é unha actriz e porque se meteu precisamente a dramaturga para crear pezas con personaxes ricos e complexos, que permitisen crecer a quen vaia a xogar con eles na interpretación enriba dun escenario. Elena dicía que ela o que máis recordaba sempre dunha obra ou dun espectáculo teatral acostumaban a ser os personaxes.

Aristóteles na súa Poética parecía darlle preeminencia á historia, ao encadeamento de sucesos ou accións, como ingrediente fundamental, como se os personaxes ficasen nun segundo plano e puidesen ser substituíbles. Non obstante, o certo é que unha peza dramática, sen ser aquelas primeiras traxedias do teatro occidental, na que se representa unha historia, esta depende, en primeira instancia, da cantidade e da calidade dos personaxes que a executan, porque a acción é principalmente acometida polos personaxes. E, certamente, son os personaxes, os semellantes das persoas que os ollamos desde a platea, os principais dispositivos para espertar a nosa empatía. Son os personaxes, coa súa acción e carácter, dous conceptos simbióticos e interdependentes: acción e carácter, quen se erixen nos nosos espellos, no noso reflexo.

Ten razón Elena, no teatro dramático, dentro da esfera dos realismos, os personaxes son os que nos rouban o corazón. E fano porque, seguramente, son o corazón do drama. Aí temos os d’O silencio, unha obra con moito gancho, cunha trama dramática infalible e cuns personaxes cheos de complexidade e profundidade. Unha obra con emoción e dilema ético, onde o persoal é político, como en Ibsen. Aí tedes a peza, no libro da erregueté, para desfrutala na lectura ou, aínda mellor, para xogala enriba das táboas.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Os dous de sempre Mofa e Befa

Mofa e Befa estrean ‘Os dous de sempre’

Ferran Joanmiquel Pla. Foto cedida polo Cercle Artístic de Ciutadella.

Ferran Joanmiquel Pla gaña o L Premi Born de Teatre 2025