O Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo vén de comunicar a cancelación, por causas alleas ao festival, do espectáculo dirixido por Sergio Peris-Mencheta 14.4, cuxa representación no Pazo da Cultura estaba prevista para este venres, 24 de outubro, no marco do Programa de Sala da 34ª edición do Festival.
A produtora do espectáculo, Barco Pirata, comunicou á organización do festival a imposibilidade de representar a función a causa dunha baixa médica do intérprete protagonista, Ahmed Younoussi. Esta baixa supón a cancelación da xira do espectáculo ata o 21 de novembro debido á incapacidade temporal do actor.
Nos vindeiros días, a plataforma Ataquilla.com procederá ao reembolso das entradas adquiridas para a función de 14.4 por parte do público xeral e das persoas abonadas do FIOT. O reembolso efectuarase pola mesma vía na que o pagamento foi realizado.
O FIOT expresa que lamenta a situación e convida o público a seguir gozando co resto de propostas escénicas que aínda quedan por ver en Carballo nesta 34ª edición do festival. Para calquera consulta, o FIOT pon a disposición do público o correo electrónico info@fiot.gal.



