in

As IAs non coñecen as estacións

Foto: Pablo Carrera.
Foto: Pablo Carrera.

Os monstros do diñeiro están a comer en nós e levan con eles gran parte do único que nos distancia da barbarie, a nosa capacidade de pensar.

E claro, a realidade, por bárbara e xenocida, demostra que sucumbimos ó peso do capital, dos sistemas tenebrosos de control, á política perversa e a “memes” patéticos xerados por IA.

Temos o cerebro roto. “Se vé, se siente, está en el ambiente”.

Cada vez é máis difícil escoitar unha idea, un divagar libre polos bordes dos conceptos. Un pisar terreos embarrados para entender, para saber, para solucionar e para, simplemente, empatizar. Recordemos que intentar entender non significa defender. Significa saber, para poder pensar, e para poder asomarnos á realidade con algunha defensa. Porque estamos sós e desarmados ante todas as violencias.

Teño a sensación de que durante as últimas semanas deixei que o peso da realidade decidira por min. Volvín ler o xornal todos os días e creo que foi mala decisión. Síntome esmagado polo tsunami informativo diario e vou planificando, con coidado, a volta a un mundo analóxico do que tal vez non debín saír.

Aínda gardo os cadernos con notas que usaba nos tempos da carreira, cando facía teatro por diversión, e teño a sensación de que todas esas ideas seguen existindo porque están alí anotadas. En cambio, os centos de páxinas escritas no ordenador… non existen, non sei onde están e dende logo non lembro nada do que pode haber alí. Soamente son borralla dixital na que ás veces, se teño sorte, atopo algo.

Será que existe certa relación entre o analóxico e as neuronas como, por exemplo, vivir no mundo físico ao mesmo tempo.

Romantizo a idea de escribir a man porque creo que é un proceso auténtico e que sobrevive no tempo. Explico o mundo mellor a bolígrafo que cun teclado e odio absolutamente coller notas no móbil. Non existe nada peor… Tal vez as notas de voz: a culminación da memoria líquida.

Agora que as mañás van volvendo a ser frías, sinto que podo empezar os días doutra maneira. O café sabe mellor a medida que arrefría no vaso, tal vez o pouso do inverso era o que facía falta logo dos horrores do verán.

Cando foi a última vez que puiden vivir un verán con inocencia? Diso xa non queda nada, agora soamente se poden tomar decisións de supervivencia. E no medio de tanto puto caos, manter viva, un pouco, a coherencia.

Dixen que antes facía teatro por diversión, sigo intentando que sexa así e, con el, pagar as cousas da vida adulta.

Ata a vitoria do teatro.

Pablo Carrera Simón
Latest posts by Pablo Carrera Simón (see all)

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. É un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. Actor, docente e condutor de furgonetas, o que sexa necesario. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Organización e participantes. VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025 Galiza + Portugal da AELG.

O porvir xa está aquí, nos escenarios

Imaxe do espectáculo Vulcano

Paula Quintas e Andrea Jiménez clausuran a 34ª edición do FIOT de Carballo