in

Paula Quintas e Andrea Jiménez clausuran a 34ª edición do FIOT de Carballo

Despois de cinco semanas de programación que incluíron 45 espectáculos e numerosas actividades paralelas

Imaxe do espectáculo Vulcano
Imaxe do espectáculo 'Vulcano'. Foto de Bárbara Sánchez Palomero.
Esta semana, o FIOT, o Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo, despide a súa 34ª edición. Hoxe, mércores, 29 de outubro, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura, a coreógrafa e bailarina Paula Quintas presentará o seu traballo en proceso Desde o corsé á danza vertical: do rigor clásico á liberdade aérea contemporánea, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. Será dentro do programa OTNI, e trátase dunha unha conferencia en movemento que propón un percorrido vivo e poético pola historia da danza e do circo, entre a disciplina do corpo e a súa liberdade aérea.
 
Xa mañá, xoves, 30 de outubro, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura, e tamén con entrada de balde, desenvolverase a lectura dramatizada de Mal Ollo. Comedia de ambente mariñeiro, xa que a Aula de Teatro de Carballo presenta esta peza que mestura o humor popular co mundo máxico galego, con motivo do 120º aniversario do nacemento do dramaturgo carballés Cándido Alfonso González Tiradas (Carballo, 1905 – Bos Aires, 1966). González Tiradas foi un dramaturgo e activista cultural que desenvolveu na Arxentina un importante labor a prol da emigración galega e esta obra, e esta obra foi premiada no Certame Castelao e publicada en Bos Aires en 1954.
 
Pola súa banda, o Programa de Sala do FIOT chegará ao seu fin o venres, 31 de outubro, ás 21:00 horas, coa representación de Vulcano, de Andrea Jiménez, dramaturga e directora que foi gañadora do Premio do Público do festival en 2024 con Casting Lear, e que agora regresa ao FIOT coa súa última creación, en coprodución co Centro Dramático Nacional e Projectes Artístics. Vulcano é a historia dunha familia que tenta salvarse dun trauma pasado: o incendio do seu edificio, un suceso con consecuencias tráxicas, que deixa pegadas profundas nos que sobreviviron. A chegada dunha reporteira e o intento de reconstruír o que sucedeu alteran o concepto da verdade e poñen en dúbida a versión orixinal dos feitos. A montaxe é o resultado do encontro entre as miradas da dramaturga Victoria Szpunberg (Premio Nacional de Literatura Dramática 2025) e a directora Andrea Jiménez, que realizaron un proxecto de creación colectiva que contou coa coprodución do Centro Dramático Nacional.
 
Finalmente, o sábado 1 de novembro, o FIOT celebrará cunha festa a ritmo de cabaré para as persoas voluntarias e socias de Telón e Aparte, a asociación cultural organizadora do festival.  Será da man de Le BarLuthier. Un piano bar literal e itinerante, a partir das 20.00 horas, no Pazo da Cultura, con convite.

“Raíz viva, memoria colectiva”

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresou ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con cinco semanas de programación que incluíron 45 espectáculos (11 deles estreas absolutas, 11 deles estreas en Galicia e 2 deles coproducións) e numerosas actividades paralelas.”Raíz viva, memoria colectiva” foi o leitmotiv dunha edición que buscou “poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade”. 

 

Redacción
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Pablo Carrera.

As IAs non coñecen as estacións

'Do reino (e) dos amores proscritos'. (Auditorio Municipal de Ribeira, 16/10/2025). Foto: Afonso Becerra.

Do reino (e) dos amores proscritos