O programa de residencias artísticas e de investigación Atopémonos Bailando, impulsado pola compañía galego-portuguesa Colectivo Glovo en colaboración coa Área de Cultura do Concello de Lugo, celebra este ano a súa 4ª edición, consolidándose como un proxecto de referencia no ámbito das artes do movemento e da creación contemporánea.
Desde o seu nacemento en 2020, o programa converteuse nun espazo de impulso, intercambio e experimentación artística, ofrecendo acompañamento e recursos a creadoras e creadores galegos, estatais e internacionais. Nesta nova edición de 2025, Atopémonos Bailando recibiu máis de 200 propostas procedentes de Galicia, do resto de España e de Portugal, ademais de solicitudes directas de países como Alemaña, Polonia, Bulgaria, México, Brasil ou Inglaterra, mostrando o interese crecente e o alcance internacional do proxecto.
36 compañías participantes
O programa acolle este ano 13 residencias, apoiando proxectos de creadoras e creadores de Galicia, España, Portugal e Costa Rica.
Desde a súa creación en 2020, Atopémonos Bailando leva apoiadas un total de 36 compañías e artistas, consolidando unha rede internacional de colaboración e intercambio entre tres países. Ata o momento, seis artistas xa completaron a súa residencia, compartindo os seus procesos co público a través de mostras abertas e obradoiros participativos entre Lugo e varias cidades portuguesas.
O espírito do programa mantense firme: achegar as artes do movemento a todos os públicos, revelando os procesos de investigación e creación que preceden ás pezas escénicas finais e reforzando o vínculo entre artistas e comunidade.
Intercambio e compañías emerxentes
Durante o mes de novembro, Atopémonos Bailando desprega seis residencias en tres países ao mesmo tempo, reforzando a súa dimensión transfronteiriza e o apoio á nova creación.
En Costa Rica, as artistas María Ganzarain e Teresa Magallón realizarán a súa residencia no Taller Nacional de Danza durante 15 días, impartindo un obradoiro para máis de 50 estudantes o 12 de novembro. Ademais, grazas ao apoio da plataforma SóLODOS, ambas artistas realizarán unha xira por diferentes cidades e espazos do país, desfrutando de Costa Rica e da súa cultura durante case un mes, compartindo o seu traballo e investigación.
En Donostia, establécese por primeira vez un intercambio co Festival LABOXL (Gipuzkoako Dantzagunea). O artista galego Fran Sieira presentará a súa mostra o 13 de novembro, mentres que a artista vasca Oihana Vesga realizará a súa residencia no Museo MIHL de Lugo, cunha mostra final o 25 de novembro.
En Portugal, as creadoras Ana Lola Cosín e Lucas García desenvolverán a súa peza Recreo no Cine-Teatro Bento Martins, espazo xestionado polo Teatro Experimental Flaviense, e ofrecerán un obradoiro sobre a súa investigación o 8 de novembro. A súa mostra será o día 6.
Neste mesmo mes, o programa inclúe tamén un espazo de creación compartido para compañías emerxentes, posible grazas ás Axudas Injuve para a Creación Xove 2024-2025.
Durante unha semana, tres compañías convivirán e traballarán simultaneamente no Museo MIHL de Lugo, fomentandoo diálogo, a colaboración e a creación de novas pontes artísticas:
- iXa coa peza 52–Blau
- Jandross con A Noite do Cuco
- Jessica & Boris con Ni Fu Ni Fa
As mostras destas residencias terán lugar os días 5 e 7 de novembro no MIHL.
Peche do ano e proxección
O programa pechará o ano coa chegada da creadora portuguesa Ana Caetano, que realizará a última residencia de 2025 en decembro, con datas que se anunciarán proximamente.
Atopémonos Bailando continúa medrando con forza e enerxía, buscando cada ano mellorar as condicións ofrecidas ás artistas seleccionadas e expandir a súa rede de colaboracións internacionais, estando xa a traballar na inclusión de novos países europeos a través de futuras liñas de axudas europeas.
Esta internacionalización é posible grazas ao apoio e cooperación de entidades como teatromosca (AMAS – Auditório Municipal António Silva), Teatro Experimental Flaviense (Cine-Teatro Bento Martins), Quinzena de Dançade Almada – International Dance Festival, Sede SóLODOS Costa Rica, Taller Nacional de Danza de Costa Rica, Festival LABOXL (Gipuzkoako Dantzagunea), e coa colaboración institucional da Xunta de Galicia.
Sobre Colectivo Glovo
Colectivo Glovo é unha compañía galego-portuguesa dirixida por Esther Latorre e Hugo Pereira, que traballa entre Galicia e Portugal. Desde 2016, combina a creación escénica, a investigación e a xestión cultural, desenvolvendo proxectos que buscan expandir os límites do corpo e do espazo escénico.
O colectivo conta con múltiples recoñecementos nacionais e internacionais e mantén unha colaboración estable coa firma Adolfo Domínguez desde 2018.



