O espectáculo Medida por medida (La culpa es tuya), de Gabriel Chamé Buendía, é o traballo escénico gañador do Premio do Público da 34ª edición do Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo, tal e como vén de dar a coñecer a organización do Festival. Esta tamén compartiu que a edición, clausurada o pasado 31 de outubro, deixou un balance “altamente positivo”. Contou “con preto de 15.000 asistentes ao longo das súas seis semanas, con 44 espectáculos e máis dunha vintena de actividades paralelas, cunha porcentaxe de ocupación do Programa de Sala dun 100 %, todo un fito nas súas máis de tres décadas de historia”.
O Programa de Sala acadou unha puntuación de 4,39 sobre 5, mentres que a nota media da programación global do FIOT (que inclúe o Programa de Sala, o OTNI, a Rúa dos Contos e o FIOT en Ruta) foi dun 4,43 sobre 5, cun total de 2073 votantes rexistrados.
Medida por medida (La culpa es tuya), de Gabriel Chamé Buendía, foi o espectáculo máis valorado polo público, cunha puntuación de 4,75 sobre 5, a moi curta distancia de Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións, que obtivo a segunda posición cunha puntuación de 4,63 sobre 5.
Recoñecementos do Certame Metro Cadrado
Este premio do público xeral do Festival para Medida por medida (La culpa es tuya) únese aos propios do Certame Metro Cadrado, dos que o Premio do Público ao Mellor Espectáculo fora para Gracias por su visita, de Uxía Algarra, cunha media de 4,56 puntos sobre 5; e o Premio do Público á Mellor Interpretación para Estrella Tomé, do espectáculo Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico, cunha media de 4,62 puntos sobre 5.
Balance da edición
Alberto Sueiro, presidente da Asociación Telón e Aparte, organizadora do FIOT, expresou isto ao respecto do balance: “Nel cabe destacar a capacidade de reacción aos problemas e incidencias, grazas a un equipo humano e unha organización do festival solvente e madura. A altísima ocupación dos espectáculos e actividades, con máis de 15.000 persoas participantes, fan deste último FIOT o máis grande da historia. E isto é grazas a transversabilidade do festival e á súa rede de colaboradoras e colaboradores: públicos, artistas, entidades e colectivos implicados, que conforman un tecido de base, unha raíz única, que de forma horizontal e colaborativa sustenta este gran ‘corazón do teatro en Galicia’. O festival volveu ser un grande activista, defensor e motor da cultura galega, cada vez con máis adeptos e adeptas que nos visitan e nutren as nosas raíces. Por todo isto, sentimos moitísima gratitude e satisfacción. Grazas e larga vida ao FIOT“.



