Á exposición sobre José Ruibal, aberta no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, únese un seminario que se celebrará hoxe, 11, e o vindeiro xoves, 13 de novembro. Este busca facer un achegamento ás contribucións á literatura e o teatro universais do dramaturgo nado en Xeve hai cen anos; cunha programación que inclúe conferencias e un espectáculo poético e teatral.
O seminario José Ruibal no seu centenario: teatro, poesía e memoria desenvolverase no Edificio Castelao. Hoxe, a partir das 18.00 horas, terán lugar catro conferencias. Abrirá a sesión a profesora da Universidade da Sorbona (París) Anne-Laure Feuillastre, coa comunicación “José Ruibal, un autor marxinado: o prezo da oposición teatral durante o franquismo”, na que tratará de explicar as razóns da exclusión da súa produción teatral durante os anos da ditadura.
Pola súa parte, o dramaturgo Andrés Lima fará en “Os novos pasos do teatro. Un panorama post Ruibal” un percorrido pola escena xurdida desde os anos 80 ata a actualidade para preguntarse “que herdaron os creadores desas décadas do teatro de Ruibal e os seus coetáneos”. A xornada incluirá tamén as conferencias da profesora da Universidade de Nova York Marithelma Costa e do comisario da exposición aberta no Museo, Xosé Enrique Acuña.
O seminario completarase o xoves ás 19 horas con Espectáculo Ruibal, unha sesión de poesía e teatro de Graciela Baquero Ruibal, sobriña de José Ruibal, e Miguel Ángel Cuña Casasbellas. Graciela Baquero lerá ademais o breve texto teórico Escribir contra el público. Pechará a xornada o grupo pontevedrés Avelaíña Teatro, que porá en escena O rabo, unha peza teatral breve de José Ruibal estreada en Madrid en 1969.
Mostra
O seminario coincide coa exposición José Ruibal. Un escritor de centenario, que se pode visitar no claustro do Edificio Sarmiento ata o 18 de xaneiro de 2026. O comisario, Xosé Enrique Acuña, reúne nesta mostra numerosos documentos orixinais que axudan a reconstruír tanto a súa traxectoria vital coma o conxunto da obra literaria que realizou en castelán e en galego. A exposición articúlase por medio dun percorrido visual composto con numerosas fotografías de diversos aspectos da súa vida ás que se suman carteis das súas obras teatrais, documentación familiar e imaxes das estreas que protagonizou por diferentes países.
O autor
José Ruibal Argibay naceu o 28 de outubro de 1925 en Xeve. Formado en Artes e Oficios en Santiago de Compostela, pronto comezou a colaborar no xornal La Noche, á vez que adquire unha conciencia crítica desde a que pasa a sentirse incómodo coa ditadura imperante. En 1951 emigrou á Arxentina. En Bos Aires comezou a escribir as súas primeiras obras teatrais. Retornado a Galicia en 1960, marchou a Madrid, onde encadeou unha serie de obras que activan unha simbólica crítica do peor da sociedade baixo a ditadura franquista. A censura da época limitou a estrea das súas máis famosas pezas durante anos, que acadaron unha considerable repercusión nos Estados Unidos, onde se instalou. “Comprometido cos valores democráticos durante toda a súa vida, hoxe está inexplicablemente esquecido fóra dos círculos especializados, que continúan valorando a valentía e mais a fondura combativa da súa dramaturxia”, recollen tamén dende a Deputación arredor da súa figura.



