in ,

Teatro do Noroeste estrea ‘Manual de Patronaxe’ en Narón

O 5 e o 6 de decembro, nunha montaxe dirixida por Clara Gayo a partir do texto de Nerea Brey

Foto do equipo da posta en escena de Manual de patronaxe
Melina Regueira, Clara Gayo, Eva Alonso, Iolanda Muíños, Susana Sampedro e Raquel Espada forman parte do equipo da montaxe de 'Manual de patronaxe'. Foto de César Seijas.

A compañía galega Teatro do Noroeste presentará os días 5 e 6 de decembro a súa nova creación escénica: Manual de patronaxe. Trátase dunha montaxe dirixida por Clara Gayo a partir do texto homónimo de Nerea Brey, gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia no ano 2023. O Pazo da Cultura de Narón albergará esta estrea, con dúas funcións: unha o venres, día 5, e outra o sábado, día 6 de decembro; o venres ás 20.30 horas e o sábado ás 20.00 horas.

As entradas para a dobre función de Manual de patronaxe no Pazo da Cultura de Narón están xa dispoñibles para ser adquiridas en liña a través da páxina web do Padroado da Cultura de Narón.

Sobre a obra

Manual de patronaxe é unha obra de autoficción na que a personaxe da Escritora, nunha crise creativa, busca descubrir a súa identidade como muller e como creadora. A través dos recordos do pasado de cando era nena, descobre que a súa avoa, que era modista, foi para ela un verdadeiro modelo feminista. A peza configúrase como unha oda ás coidadoras, ás avoas, e unha reivindicación, en clave feminista, “de todos eses momentos que, pasando desapercibidos, son, non obstante, as puntadas que conforman o bordado da nosa vida”. Está formulada como unha peza aberta e flexible que abre un suxestivo diálogo interxeracional.

O espectáculo está protagonizado por Iolanda Muíños, Susana Sampedro e Raquel Espada, con produción executiva de Eva Alonso, axudantía de dirección de Mel Regueira, escenografía e vestiario de Equipo Taetro e deseño da iluminación e proxeccións de César Seijas. O proxecto contou cunha axuda á creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, e coa colaboración do Padroado da Cultura do Concello de Narón.

Nova liña creativa

Eva Alonso explica que Manual de patronaxe é “un proxecto que marca unha nova liña creativa en Teatro do Noroeste, aberta xa hai un par de anos, que supón o inicio do cambio xeracional da compañía”. Dese xeito, en Teatro do Noroeste conviven agora os proxectos habituais con estes novos, “nunha transición tranquila”.

Alonso sinala tamén que elixiron o texto de Nerea Brey “porque fala desde unha perspectiva feminista das coidadoras, e, en concreto, das avoas que, dalgún xeito, nos criaron a todas e todos;  fala do proceso de facerse adulta e reivindica os pequenos momentos e detalles que van tecendo as nosas vidas”. Ademais, engade que o feito de que o texto fose dunha autora contemporánea galega, nova, e que gañara o Premio Abrente da MIT de Ribadavia “foron as guindas do pastel”.

Sobre a nova colaboración de Teatro do Noroeste coa directora Clara Gayo, quen xa dirixiu para a compañía a montaxe As damas de Ferrol para a compañía, a produtora expresou tamén a súa confianza “no bo facer” da directora e eloxiou a “sintonía mutua” que posúen.

Sobre a compañía

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de case catro décadas ten producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre eles atópanse dende textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camus; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre moitos outros. Nos últimos anos puxeron en escena as obras de Eduardo Alonso Último verán en Santa Cristina, As damas de Ferrol e Guerra, actualmente en xira por toda Galicia.

Cartel Manual de patronaxe

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Segunda man. Estado aceptable' de AveLina Pérez

O que hai e o que buscamos

'Roland Mon Amour' de Cris Balboa

Cris Balboa presenta no KVS de Bruxelas ‘Roland Mon Amour’