Non acostuma ser habitual encontrar espectáculos de danza contemporánea orientados especialmente para iso que se chama público familiar, ou sexa, para crianzas, nenas e nenos, e as persoas que os acompañan. Isto débese, penso eu, a que a danza contemporánea, pásalle tamén á arte contemporánea en xeral, ten o sambenito de ser críptica e difícil de comprender, incluso haberá quen a tache de “elitista”, só para uns cantos entendidos na materia. Porén, todo isto non son máis que prexuízos derivados, como case todos os pre-conceptos, do descoñecemento e da falta desa experiencia, porque a danza, sexa do xénero ou modalidade que sexa, se o espectáculo ten coherencia e calidade, sempre nos vai satisfacer. Ademais, un espectáculo non necesita entenderse para desfrutalo, porque a maxia e o magnetismo das artes escénicas, dos corpos en movemento, cruzándose co movemento das luces, dos sons, das palabras (se as houber) etc. van marabillarnos e espertar a nosa empatía, alén do que nos poidan contar e incluso se non nos contan nada, porque un espectáculo tampouco ten porque contarnos algo para fascinarnos.
Por outra banda, son as crianzas, a infancia, quen menos prexuízos e máis apertura ao xogo poden ter. Por tanto, resulta bastante incomprensible que, dentro do repertorio da danza contemporánea galega dos últimos tempos, só poidamos citar tres pezas dedicadas, especialmente, á infancia e, por suposto, desfrutables para calquera idade. Volvo ao mesmo, se un espectáculo de artes escénicas ten unha dramaturxia coherente e unha calidade, vai constituír sempre unha experiencia satisfactoria e enriquecedora.
As tres pezas que eu podo nomear son: Gaia (2018) da Cía. Entremans/Artestudio Xestión Cultural S.L. da Coruña, creada por Kirenia Martínez Acosta e Estefanía Gómez Cascudo, na que a danza despregaba un universo visual moi colorista para chamar a atención sobre a importancia de valorar e coidar o planeta, ligada a unha perspectiva tan lúdica como poética e ecoloxista.
A seguinte, por orde cronolóxica, é Nina Ninette (2021) da Cía. Paula Quintas, que utiliza as técnicas e estilos da danza moderna e contemporánea para recrear a viaxe dunha nena, interpretada por Marta Alonso Tejada, ao país da fantasía, inspirada polos seus xoguetes e guiada por unha especie de fada madriña, que lembra as figuras xeométricas do Ballet Triádico da Bauhaus, interpretada por Paula Quintas. Tamén hai un boneco que ten medo e que, ao ser pouco bonito el mesmo, tamén pode dar algo de medo, interpretado por Carlota Mosquera. Ao final, Nina Ninette, reforza a importancia da amizade, da fantasía e da aceptación do outro, de quen quizais non é como nós esperabamos.
Seguindo o fío do tempo, encontrámonos O arcón de Noa da Cía. Amarelo (Lilian Portela), que se estreou o domingo 26 de outubro de 2025 dentro do programa Vigocultura, co Auditorio Municipal da Praza do Rei da cidade olívica cheo de crianzas, nais, pais, tías e demais familia e, por suposto, de espectadoras de danza.
O ambiente na sala era exultante e O arcón de Noa acabou de pintarnos sorrisos na cara. Noa e os seus xoguetes, a boneca e o coello, transforman a danza nun xogo e o xogo nunha danza. A dramaturxia é sinxela, pero moi eficaz. Noa ensínanos, sen pretendelo, a non tirar nada. O seu “arcón”, o baúl, está cheo de xoguetes. Non hai videoxogos nin pantallas que lle fagan ficar queda e pasiva. Hai xoguetes que moven a Noa nunha reciprocidade mimética teatral. Ela anímaos, como se fosen monicreques, e eles anímana a ela. É unha especie de efecto búmerang, cando xogas implicando o corpo, movéndote, imaxinando escenas teatrais con bonecas e bonecos e con outros trebellos, a experiencia resulta máis dinámica e estimulante, porque non inclúe só a recepción do xogo, senón tamén a responsabilidade da creación.
Neste caso, Raquel Ferradás, Carlota Rosón Rojo e Martín Blanco, coa súa calidade de movemento, fan que a fantasía cobre realidade no escenario e que os personaxes fiquen nunha dimensión de conto máxico.
Desde a sinxeleza, Noa descóbrenos que a novidade e o desfrute non radican en usar e tirar, en coller un xoguete e, despois dun tempo, cansar del e non volver a xogar con el. Con Noa aprendemos que hai que coidar o que temos e que a diversión non depende do novo, senón da nosa implicación e da nosa disposición ao xogo. Tamén descubrimos que o movemento dos nosos corpos, que a danza, pode ser un xoguete divertido e fascinante e incluso unha vía para viaxar a universos de fantasía que non imos encontrar doutro xeito.
Pois ben, velaí o tedes, agora que se achega a tempada dos agasallos e os xoguetes, propóñovos a mellor opción: un tempo de diversión compartida, crecemento persoal e felicidade con danza contemporánea para todas as idades.

- 20 anos do festival Catropezas de Teatro Ensalle - 14/12/2025
- O xoguete da danza contemporánea - 07/12/2025
- O que hai e o que buscamos - 23/11/2025



