Acaba o ano e sucumbo ao ritual de facer balance.
Gústame o teatro desde antes de saber que é un ritual antiguísimo, tanto como o ser humano, cando non se diferenciaba da danza e do canto, antes incluso da palabra escrita.
Estamos en época de rituais, celebrando as presenzas e invocando as ausencias nos nosos brindes. O ceo dos xustos é a memoria dos vivos. Nela non morre quen compartiu a experiencia auténtica do amor. O teatro é iso tamén. É compartir, é unha experiencia artística, é amor e é memoria, sendo, sobre todo, unha celebración ritual das presenzas e das ausencias. Unha experiencia compartida fundamentada na empatía e na sensibilización edificantes.
A quen non lle vai gustar o teatro? Quen diga que non lle gusta o teatro é porque non tivo a oportunidade de desfrutalo. Porque non todo o que se vende como teatro é verdadeiramente teatro. Hai moita “bisutería”, moito “fake”, moito facer que se fai, moito entretemento anestesiante e atontante, moito populismo…
Quen diga que non lle gusta o teatro ou non tivo a sorte de desfrutalo ou é un monstro. Recoñezamos que tamén existen os monstros, algúns incluso gobernan países.
Vou ás miñas redes sociais, onde publico as primeiras impresións, en quente, de case todos os espectáculos que vin durante o ano e encontro, neste 2025, uns cento cincuenta. No son poucos, se consideramos que non vivo nunha cidade na que haxa programación de artes escénicas diaria. Anque Vigo é a máis populosa de Galiza, cuns trescentos mil habitantes, só ten un teatro público, que é do Concello, cunha capacidade duns trescentos lugares e con programación só en fin de semana, máis dúas salas independentes (Teatro Ensalle e Sala Ártika), con menos capacidade e tamén con programación en fin de semana. Despois, está o Auditorio Mar de Vigo, que foi construído con diñeiro público, pero cuxa xestión parece privada e que só atende a produtos comerciais para a masa, co gancho dos famosos, fundamentalmente das grandes produtoras de fóra e, de maneira semellante, o Teatro García Barbón de Abanca, con programación teatral escasa no tempo.
Uns cento cincuenta espectáculos non son poucos, considerando que a miña profesión non é a de programador nin director dun teatro ou dun festival, a quen lle paguen por ir ver espectáculos ou o conviden a feiras e festivais. Aínda que haxa uns poucos que si o fan porque lles gusta que escriba. E teñen o seu mérito, nunha época como esta na que escribir sobre espectáculos case parece que se transformou nun labor das empresas de comunicación e “marketing”, complementándoo con artigos pagados na prensa xeralista, a modo de publirreportaxes encubertos. As dinámicas do comercio e do sistema capitalista, por suposto, tamén mandan nas artes vivas.

Nas miñas brevísimas colaboracións semanais no Diario Cultural da radio pública de Galicia, por cuarta temporada consecutiva, os venres, dez minutos antes das 11h. AM (pódense consultar en agalegaaudio) repasei algúns dos espectáculos deste ano. Nelas intentei atender sempre a aqueles máis rebeldes, que camiñan polas marxes do sistema, que se escapan de clasificacións fáciles. Os que nos espertan do letargo ao que nos someten os produtos para rir e esquecer e, por suposto, a anestesia dixital en forma de “scroll”, que o único que mobiliza son os nosos polgares.

Na última colaboración no Diario Cultural, dentro do programa matinal Galicia por diante da Radio Galega, o venres 26 de decembro de 2025, Cristina García, a presentadora, lanzábame o reto de resumir, en cinco minutos, os dous espectáculos que me parecesen máis significativos. E, case sen dubidalo, a miña opción foi celebrar os dous Premios Nacionais do Estado español que, por primeira vez na historia, recibiron a danza e o circo galegos, na obra de Janet Novás (Premio Nacional de Danza 2025) e PistaCatro (Premio Nacional de Circo 2025). Da primeira quixen recordar o espectáculo Mercedes máis eu, estreado en 2019 e que continúa de xira. Con esa peza xa gañara o Premio da Crítica de Cataluña á Mellor bailarina. Despois de estar seleccionada pola plataforma europea de danza Eurowaves, imos poder desfrutar da potencia telúrica e de raíz de Mercedes máis eu, xunto a Mercedes Peón, no prestixioso festival GUIdance de Guimarães (Portugal), o 6 de febreiro de 2026. Da segunda, PistaCatro, quixen recordar Orquestra de malabares coa que levan colleitando éxitos desde 2018, xuntando bandas municipais, orquestras e agrupacións musicais das cidades e vilas nas que actúan, en interacción cos malabares e outros números circenses, con dirección de Pablo Reboleiro.

Ao final, a miña elección destas dúas propostas escénicas tamén foi unha reivindicación da non funxibilidade dos espectáculos, de que non pode ser que cada ano, teatros e festivais estean pelexándose por ver quen programa máis estreas: “Tes algo novo?”. Que estas dúas pezas, estreadas en 2018 e en 2019, continúen sobre os escenarios é un exercicio de sostibilidade ecolóxica e un recoñecemento de que as obras de artes escénicas poden respirar e crecer co tempo, de que a arte non caduca e non é un produto funxible nin obsolescente.
No meu balance tamén debo recoñecer a alegría, despois duns anos, de volver á dirección escénica, co espectáculo Do reino (e) dos amores proscritos de ALÓproducións (Auditorio Municipal de Ribeira, 16/10/2025). Un proxecto “sui géneris” entre a narración oral, o teatro documental ficcionado, a performance e o musical, nunha viaxe aos primeiros asentamentos humanos no noroeste da Península e ao xurdimento da cultura e a lingua galegas. Unha viaxe centrada no Reino de Galiza, na Idade Media, o primeiro reino de Europa, guiado pola dramaturga e actriz Ana Carreira Varela, como mestra de cerimonias. Un espectáculo no que evocamos os trobadores, a través das figuras e a música de Martín Códax, Mendiño e Xoán de Cangas, interpretados con instrumentos de época por Henry Vidal. Invocando a quen debeu de ser a primeira profesional das nosas artes escénicas, María Balteira, bailarina, actriz, cantante… á que Afonso o Sabio lle dedicou algunha das súas cantigas. Invocando tamén as raíñas Sancha e Urraca, a través das súas historias e dos versos de Rochi Nóvoa, na performance de Isabel Risco e Alberte Bello, quen tamén anima os debuxos de dúas historias de amor daquela época medieval, a das artistas Sancha Pérez e María Leve, en Compostela, e a de Pedro Díaz e Munio Vandílaz, nunha parroquia de Celanova (Ourense), casados o 16 de abril 1061, segundo consta en documentos, para recordar tamén outras figuras, extraídas do libro Vidas e historias LGBT da Idade Media (Xerais, 2025) de Carlos Callón.

Volver á dramaturxia e á dirección dun espectáculo reafírmame nalgunhas conviccións éticas e estéticas e en como o escenario e o proceso de creación colaborativa poden ser un laboratorio para crecer e aprender.
Non se trata só de facer balance, senón de que o balance, entendido como equilibrio, necesita dos rituais que as artes escénicas subliman. Necesitamos do teatro, da danza, do circo, da ópera e das mestizaxes que nos devolven aos rituais pre-dramáticos primitivos, que constituíron e continúan constituíndo os fundamentos do ser humano.
O 2025 pecha o pano, pero o teatro continúa mentres continúe habendo persoas no mundo.
Que o 2026 veña cheo de saúde e de artes escénicas!
- 2025 pecha o pano - 31/12/2025
- 20 anos do festival Catropezas de Teatro Ensalle - 14/12/2025
- O xoguete da danza contemporánea - 07/12/2025



