Vivo no casco vello de Vigo. Atraveso o centro e as rúas parecen un decorado. Estamos no Nadal, que aquí case dura dous meses. A xente, como un rabaño, acude á chamada da publicidade e posa nos renos e nas zorras de luces. Atravesar o centro supón ir esquivando as cámaras dos teléfonos. O espazo público converteuse nunha especie de “plató” onde nos obxectualizamos. As rúas son como centros comerciais e todo nelas parece adquirir a dimensión de produto nun escaparate.
Se cadra Andy Warhol, ou quen o tivese dito, levaba razón con aquilo de que no futuro todos terían os seus 15 minutos de fama. Algo ben efémero, abofé. O futuro xa está aquí, as redes sociais elevaron á máxima potencia ese frenesí. E o Nadal, ademais de ser a festa do consumo, é un gran espectáculo que nos convida a lucirnos.
Vou pola rúa do Príncipe e vexo a un home pedindo cunha pancarta enorme apoiada na parede dunha entidade bancaria. En letras grandes pon: “Querido público:” e despois expón a situación pola que se encontra pedindo. Fico abraiado de que esta persoa se dirixa a nós como se fósemos os seus espectadores e el fose un espectáculo. Quizais leva razón, aínda que, a dicir verdade, pouca xente mira para el. O protagonismo repártese entre os escaparates das tendas, practicamente as mesmas que podemos atopar nas rúas principais de calquera cidade do mundo capitalista, e as figuras de luces de Nadal ou, por suposto, as pantalliñas dos teléfonos móbiles.
É curioso, a xente que posa, para fotos e vídeos nos sets de luces, finxe o sorriso. Antes e despois da foto as expresións flutúan entre a présa e a preocupación por divertirse, por desfrutar, por querer ser felices. Hai tamén grupos que sobreactúan ese espírito de Nadal, alegre e xovial, levando nas cabezas uns cornos de reno de luceciñas, un gorro vermello de Papa Noel – o personaxe famoso creado pola Coca-Cola –, incluso unhas orellas de coello de luces e outros accesorios, como os das despedidas de solteira. Teñen ganas de festa e de chamar a atención. Saír de festa é como saír a un escenario a facer un espectáculo: deben caracterizarse e actuar.
Nunha pantalla xigante ao lado do Museo Marco, a calquera hora que pases, podes ver ao alcalde actuando tamén no show do Nadal.
Sen dúbida, todo isto vai alén da teatralidade na vida cotiá estudada por Erving Goffman. Nela comparaba a interacción social cunha obra de teatro, onde as persoas son actores que interpretan diferentes papeis, nun exercicio de dramaturxia constante para presentar a imaxe desexada de si mesmos diante dunha audiencia.
No Nadal, nas cidades e vilas galegas, os teatros están pechados ou cunha programación especial reducida, centrada principalmente na infancia. Non me estraña! O espectáculo desborda nas rúas!
- Cando o espectáculo desborda nas rúas - 06/01/2026
- 2025 pecha o pano - 31/12/2025
- 20 anos do festival Catropezas de Teatro Ensalle - 14/12/2025


