O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe o programa da nova temporada de artes escénicas Vigocultura. Arrancará o vindeiro 30 de xaneiro na Porta do Sol con Carman e desenvolverase ata o 26 de abril, con propostas de rúa e de sala que inclúen unha variedade de xéneros e estilos escénicos dirixidos a diferentes públicos. “Vigocultura” é a “repetición dun éxito comprobado”, afirmou Caballero, quen deu a coñecer as liñas principais da nova programación, xunto coa primeira tenente de alcaldía Carmela Silva, o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, e os responsables dos museos MARCO, Liste e Laxeiro. Serán en total dous espectáculos de rúa e dezaseis de sala para público adulto e nove para espectadores infantís e familias.
A programación comezará a fin de semana do 30 e 31 de xaneiro cos espectáculos para todos os públicos Carman e O Mundo do Circo, respectivamente. As dúas actuacións comezarán ás sete da tarde na Porta do Sol e ante o Museo Marco e percorrerán a rúa do Príncipe. Esa mesma fin de semana, o domingo 1 de febreiro, iniciará tamén o programa no Auditorio Municipal, que acollerá ata o mes de abril dun total de vinte e cinco funcións. A obra de apertura será Los Yugoslavos, con texto e dirección de Juan Mayorga e cun elenco formado por Luis Bermejo, Javier Gutiérrez, Marta Gómez e Alba Planas.
A oferta cultural municipal contará tamén con, entre outras pezas, Rei Lear, da Companhia do Chapitô; Memorias dun neno labrego, do Centro Dramático Galego e Contraproducións; Vacanal sinfónica, do grupo De Vacas; Imposible!?, do Mago Rafa; Artur Ui, o ovo da serpe, de Talía Teatro; Canto conto!, de Limiar Teatro; Crisálida, de Caramuxo Teatro; Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro; Bagaxe, de Arturo Cobas Cía; Tavole, de Zirko Txosko; Nove espellos, de Óscar Cobos Compañía de Danza; Benquerer. Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras, de Fran Sieira Compañía de Danza; Oh, Mammi Blue, de Noemi Rodríguez e Cinema Sticado; ou Coa cabeza nas nubes, de Cía SÖA. Ademais, acollerá a estrea das obras Brazaletes, de Amorodio Teatro, e Señores, da compañía De Ste Xeito.
O programa inclúe obras con temas relacionados coa celebración do “Día Internacional da Muller”, os días 8 e 14 de marzo; do Día Mundial do Circo, os días 18 e 19 de abril, e do Día Internacional da Danza nos días 24, 25 e 26 de abril. Ademais, Caballero destacou a actuación de Rosa Cedrón conmemorando o seu trixésimo aniversario na música.
“Vigocultura é un éxito extraordinario, practicamente cheo en todas as actuacións e iso significa que en Vigo temos unha demanda de cultura importantísima”, afirmou o alcalde, quen puxo en valor que a cidade olívica “tamén é unha fábrica de cultura”.
Entradas
As entradas e abonos poranse á venda o vindeiro luns día 19 de xaneiro a partir das 10:00 horas, a través da páxina web Giglon e tamén presencialmente na Papelería Folder Progreso (rúa Progreso, 22, en Vigo).
Programa completo
Podes consultar e descargar aquí o programa completo do primeiro semestre de 2026 de Vigocultura.



