in ,

O CDG e Contraproducións inician a xira de ‘Memorias dun neno labrego’

O espectáculo está a ter unha gran resposta por parte do público, que esgotou as entradas en Santiago

Memorias dun neno labrego
Iris Darriba e Xúlio Abonjo en 'Memorias dun neno labrego'. Fonte: CDG.

O espectáculo Memorias dun neno labrego, co que a Xunta de Galicia conmemora o 65º aniversario da publicación da emblemática novela de Xosé Neira Vilas e o décimo do pasamento do autor, está a acadar unha gran resposta por parte do público. Coas entradas xa esgotadas para a segunda quenda de funcións programadas no Salón Teatro do 11 ao 15 de febreiro (despois dunha primeira quenda de representacións entre o 8 e o 25 de xaneiro na que tamén vendeu todos os billetes), o equipo inicia tamén mañá, venres 30 de xaneiro, unha xira por nove escenarios das catro provincias galegas.

O espectáculo, coproducido polo Centro Dramático Galego e Contraproducións, percorrerá durante catro semanas Vimianzo (30 de xaneiro no Auditorio Municipal), Nigrán (1 de febreiro no Auditorio Municipal), Lugo (5 de febreiro no Auditorio Municipal Gustavo Freire), Ribeira (6 de febreiro no Auditorio Municipal), Vilalba (7 de febreiro no Auditorio Municipal Carmen Estévez), Rianxo (18 de febreiro no Auditorio Municipal), Monforte de Lemos (19 de febreiro no Edificio Multiusos), O Barco de Valdeorras (20 de febreiro no Teatro Lauro Olmo) e Carballo (21 de febreiro no Pazo da Cultura). Ademais, o espectáculo continuará xirando nos seguintes meses con novas datas que se anunciarán proximamente.

Cándido Pazó adapta e dirixe esta nova versión teatral da novela de Xosé Neira Vilas, interpretada por Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos. Completan o equipo Pablo Giráldez “O Pastor” na escenografía e attrezzo, Martina Cambeiro no vestiario e caracterización, Xosé Lois Romero na música orixinal, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia a produción, que traballan en colaboración co persoal técnico do Centro Dramático Galego.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Derradeira función de A Panadaría en Tui con 'As que limpan'. Foto: Roberto Pascual.

Carta de (h)amor á Panadaría