A sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela (rúa Salvadas 2, Parque Vista Alegre) vai acoller nos vindeiros meses dúas novas actividades formativas dirixidas ao sector das artes escénicas.
Repensar a tradición
Unha delas é o Taller de creación coreográfica dende a tradición, unha proposta formativa impartida polo bailarín e coreógrafo vasco Jon Maya, director da compañía Kukai Dantza e Premio Nacional de Danza 2017.
O obxectivo deste obradoiro é “abrir un espazo de investigación, diálogo e práctica arredor da relación entre a danza tradicional e a creación contemporánea, fomentando novas perspectivas sobre o movemento e reforzando os procesos creativos vinculados ao territorio”. Está dirixido a coreógrafas e coreógrafos e creadoras e creadores con experiencia na danza tradicional galega e interese na danza contemporánea, así como a profesionais da danza contemporánea que desexen achegarse á tradición galega desde unha mirada actual. A actividade, dirixida a persoas maiores de idade, combinará unha primeira fase teórica con dúas xornadas de experimentación práctica, completando un total de 12 horas.
A proposta concíbese, xa que logo, “como un laboratorio que busca fortalecer e actualizar a linguaxe coreográfica, promovendo a hibridación entre tradición e contemporaneidade que, nos últimos anos, caracteriza boa parte da creación galega”, que, ademais, “procura favorecer o intercambio entre perfís diversos e estimular procesos creativos sólidos e innovadores”.
Recoñecido internacionalmente, Jon Maya iniciou a súa traxectoria no grupo Ereintza e foi sete veces Campión de Euskadi de Aurreskularis. En 2002 fundou Kukai Dantza, compañía de referencia pola súa capacidade de crear unha linguaxe contemporánea a partir da danza tradicional vasca. Traballou con artistas como Marcos Morau, Sharon Fridman, Israel Galván ou Cesc Gelabert, e recibiu numerosos premios, entre eles varios galardóns nos Premios Max e recoñecementos en festivais nacionais e internacionais.
O taller celebrarase nos seguintes días e horarios:
- Venres 20 de febreiro de 2026, de 16:30 a 20:30 horas.
- Sábado 21 de febreiro, de 10:00 a 14:00 horas.
- Domingo 22 de febreiro, de 10:00 a 14:00 horas.
As inscricións permanecerán abertas ata completar prazas ou ata o 18 de febreiro, a través do correo pblanco@fundacionsgae.org. As socias e socios da SGAE terán prioridade en caso de lista de agarda. Os prezos van dende os 30 euros (para os socios da SGAE), aos 80 euros (para o novo alumnado), cunha tarifa de 60 euros para aquelas persoas que xa participasen con anterioridade noutros cursos organizados pola SGAE.
Información completa sobre o curso impartido por Jon Maya.
Reforzar as competencias lingüísticas
Por outra parte, a outra actividade posta en marcha é o Curso de capacitación profesional en inglés para profesionais do audiovisual e da escrita teatral, unha formación especializada que busca “reforzar as competencias lingüísticas de creadoras e creadores nun sector cada vez máis internacionalizado”.
O curso ofrece “unha aproximación práctica e adaptada á terminoloxía técnica do sector, ao tempo que proporciona recursos para desenvolver presentacións eficaces, pitches profesionais e comunicación escrita de nivel”, dentro do seu obxectivo de ofrecer ferramentas para “negociar, presentar proxectos, traballar en equipos híbridos e abrir oportunidades profesionais” en inglés.
A formación estrutúrase en catro semanas, cun enfoque práctico organizado deste xeito:
- Semana 1: Terminoloxía audiovisual, comunicación profesional, roles do sector, xéneros, formatos e vocabulario técnico aplicado ao guión.
- Semana 2: Redacción profesional en inglés (correos, dossieres, one‑pagers, presentacións) e técnicas de xestión de reunións e proxectos en equipos internacionais.
- Semanas 3 e 4: Pitching avanzado, storytelling persuasivo, análise de materiais audiovisuais en inglés e simulación de presentacións reais.
Ademais, recoméndase que o alumnado participe cun proxecto propio de ata dúas páxinas, que lle servirá como base práctica durante o curso.
A formación será impartida por Lucía Miranda‑Morla, tradutora, intérprete xurada e especialista en filosofía, literatura e artes. Conta cun M.A. en Estudos Interculturais pola Dublin City University, un D.E.A. en Lingüística e Teoría da Literatura pola Universidad Autónoma de Madrid e ampla traxectoria na tradución e edición de obras literarias e artísticas.
O curso desenvolverase nas seguintes datas:
- 20 e 21 de febreiro de 2026, de 10:00 a 13:30 horas.
- 27 e 28 de febreiro de 2026, 10:00 a 13:30 horas.
- 6 e 7 de marzo de 2026, de 10:00 a 13:00 horas.
- 13 e 14 de marzo de 2026, de 10:00 a 13:00 horas.
As inscricións estarán abertas até completar prazas ou ata o 18 de febreiro, dando prioridade ás socias e socios SGAE en caso de lista de agarda. Os prezos van dende os 45 € (para as persoas asociadas), aos 80 € (antigo alumnado) e aos 100 € (alumnado novo). A inscrición realizarase a través do correo electrónico pblanco@fundacionsgae.org, indicando no asunto o nome do curso.
Información completa sobre o curso de capacitación profesional en inglés


