A nova produción en solitario da creadora emerxente Myriam González, que conta coa codirección de Julia Laport, codirectora da compañía Elahood e directora do Colectivo D’elas, estréase o vindeiro domingo, 22 de febreiro, ás 19:00, na Casa Vella, en Amiadoso, Allariz. Trátase de TÁNGUELA, un solo de danza para espazos non convencionais que explora “a beleza dentro do roto”.
No espazo sonoro, Myriam traballou xunto a Genosidra (Carlos Quebrada), músico bogotano afincado en Barcelona, especializado en noise e hardbass. O vestiario correu da man da artista coruñesa emerxente Elise Abella.
Sinopse
“Un corpo que, ao deformarse, non encaixa nos patróns establecidos convértese no territorio dunha loita íntima: controlar o incontrolable, ordenar o que se escapa, buscar beleza nunha anatomía que se escapa do estándar nun intento desesperado de atopar o seu lugar. A peza indaga na tensión entre o descontrol e a necesidade de orde. Un espazo de doma do seu propio corpo. Perténzolle realmente a este lugar? A este corpo? A este estándar?
TÁNGUELA formula unha pregunta esencial: como atopar beleza e identidade nun corpo que insiste en escorregar fóra das normas, fóra do normativo, fóra do esperado. Un corpo que, aínda roto e alienado, continúa buscando un lugar onde encaixar”.
Ficha artística
Dirección, coreografía e interpretación: Myriam González
Asistencia de dirección: Julia Laport
Espazo sonoro: Genosidra
Vestiario: Elise Abella
Distribución: AMARELO
Apoios: subvención á nova creación da Agadic.
A compañía
Myriam González (Ferrol, 2001) é unha bailarina e creadora emerxente baseada na Coruña. Con formación en técnicas en danzas urbanas e contemporánea, actualmente centra o seu traballo no Waacking e na creación contemporánea. Myriam codirixe xunto a Eloi García a compañía Tuatha, dúo de danza que estrea o seu primeiro espectáculo para espazos non convencionais, DOVEA, en xullo de 2023. Forma parte como creadora e intérprete doutras compañías, como o Colectivo D’elas, en É Difícil Fotografar o Baleiro espectáculo de longo formato estreado en abril de 2024 no Teatro Jofre e Velaiquich, amoorch!, espectáculo de improvisación para espazos non convencionais con estrea en Escenas do Cambio 2025.
Bernarda, cara de leoparda, produción de Punto Y Waack (cía. integrada por 5 bailarinas de Waacking da Coruña) e OCCO, do colectivo D’elas, foron pezas finalistas no Certame Coreográfico de Compostela nos anos 2021 e 2022.
O seu primer solo Hoje venho falar de min foi finalista no certame Me, Myself & I (Madrid, 2024).


