A organización da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, vén de dar a coñecer que o colectivo UTE-pías Feministas, composto polas entidades Atalia, Arabías, Feitoría Verde, Illa Bufarda e a libraría Lila De Lilith, recibirá o Premio Mulleres en Acción 2026.
Nesta 15ª edición do Premio, a MITCFC decidiu outorgalo a este colectivo “por idear e levar adiante a iniciativa Saúde, pracer, república e terra malva”. Trátase dun complexo proxecto de investigación e memoria colectiva que ten como o obxectivo rescatar, preservar e difundir o legado da médica, educadora e activista feminista, Lola Ferreiro Díaz, cuxa “traxectoria vital, intelectual, profesional e activista foi, e segue a ser, referente e inspiración para o movemento feminista e o conxunto das mulleres e da sociedade galega”.
A iniciativa Saúde, pracer, república e terra malva xa foi recoñecida en xaneiro deste mesmo ano co Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña. A raíz deste recoñecemento, UTE-pías Feministas creou unha páxina web, narepublicamalva.gal, que foi presentada en Santiago o pasado venres, 27 de marzo. Trátase dun espazo virtual que recolle a investigación arredor de Lola Ferreiro Díaz, “referente na psiquiatría, na docencia, na recuperación da memoria e un dos piares dos activismos feministas na Galiza”, segundo explican desde o colectivo, engadindo que “Lola confrontou todo o que consideraba inxusto e loitou polos dereitos das mulleres”.
Lola Ferreiro Díaz
Lola Ferreiro Díaz naceu no concello de Ordes en 1957, lugar no que tivo a súa residencia até o seu pasamento, en decembro de 2023. Ferreiro desenvolveu unha traxectoria ampla e diversa, na que combinou o seu labor como médica, docente e activista, incorporando sempre unha perspectiva feminista en todos os ámbitos nos que participou.
Ao longo dos anos elaborou guías, publicou artigos e traballos de investigación. Ademais, Lola Ferreiro levou a cabo un destacado traballo de recuperación da memoria, denunciando e facendo visible a represión sufrida polas mulleres durante a ditadura franquista, tanto en Galicia como no conxunto do Estado e tamén no eido internacional.

O Premio
O Premio Mulleres en Acción naceu no ano 2012 como un brazo máis do proxecto Mulleres en Acción, creado no ano 2000 no marco da MITCFC, “co obxectivo de recoñecer a traxectoria profesional, labor artístico, cultural ou acción social realizada por mulleres, colectivos ou entidades que contribúan á implantación da igualdade de xénero na nosa sociedade”.


