Aladino e a lámpada marabillosa (O musical)

A maxia e o xenio

| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Sr. Sagüíllo |

 
A sociedade vai por diante das leis e as leis tardan en adaptarse ás esixencias dunha sociedade que quere avanzar. A liberdade e a necesidade de cambio nunha sociedade en crise son o eixo vertebrador do musical Aladino e a lámpada marabillosa que Avento Producións estreou o 27 de xaneiro na Sala Ártika de Vigo. Despois das producións para público adulto BU21 e Como sobrevivir a unha apocalipse zombi –que comparte cartel con Aladino durante o mes de febreiro-, a compañía viguesa continúa coa liña de traballo baseada no musical en galego para toda a familia e que inclúe títulos como O mago de Oz ou Hansel e Grettel.

Os ecos orientais de As mil e unha noites e as reminiscencias do universo Disney do filme Aladdin, mestúranse nesta proposta co claro selo de Avento no que a música, a danza e o canto se combinan para ofrecer unha mirada lúdica e, ao tempo, atenta sobre a nosa propia actualidade. “Por que nun mundo no que todo cambia as leis non poden cambiar?” Esa é a gran cuestión que atravesa a adaptación que dirixe Xoán Abreu e coa que aborda a historia de Aladino, un mozo pobre de “corazón puro” perseguido pola súa bondade, e a de Xasmín, unha princesa que foxe da lei para evitar cumprir os ditados dunha tradición que o seu corazón non acepta. Da man dos dous protagonistas e coa asistencia dun xenio moi particular no que conflúen tempos e referentes de estilos diversos, asistimos a alianza de dous estratos sociais na defensa dunha lexítima aspiración á liberdade, malia que a legalidade non estea sempre do seu lado.

En Aladino e a lámpada marabillosa, Abreu opta por unha plástica marcadamente colorista dentro dunha dinámica compositiva sinxela e efectiva que potencia tanto a sorpresa como o carácter máxico do espectáculo, como se dunha sucesión de números de prestidixitación se tratase. Nun mundo fantástico no que a música irrompe na acción e a acción se funde coa música, dez temas orixinais compostos polo propio Abreu e Jonathan Caramés, guían a historia deste mundo distante mais tamén nos permite internarnos no mundo interior dos personaxes. Cun permanente sentido de xogo e de facilidade, Avento embarca a quen asiste a unha viaxe múltiple: a que nos traslada a unha dimensión fantástica e a un tempo de conto; e a que nos brinda un periplo incesante por diferente espazos habitados por cerca de vinte personaxes. Así, os sete intérpretes ofician un espectáculo fresco e cambiante no que canto acontece detrás do pano –fóra da vista do público- é case tan importante como sucede ante os seus ollos.

O ben e o mal, o xusto e o inxusto, o legal e o lexítimo, reúnense nesta proposta musical na que un equipo ben orquestrado constrúe un mundo suxestivo, compacto e coherente dirixido para o público miúdo pero onde no que tamén está convidado o adulto. Da man deste equipo, asistimos non só á maxia do xenio que encerra a lámpada marabillosa, mais tamén ao xenio dunha compañía que profesa amor pola maxia que contén o teatro e polo oficio que a fai posible.
 
Aladino e a lámpada marabillosa, de Teatro Avento. 

Dirección: Xoán Abreu.
Compañía: Avento Producións.
Elenco: Rocío Salgado, Martín Maez, Xoán Abreu, Marcos Alonso, Fernanda Barrio, Merchi Lago, Jonathan Caramés.
Escenografía: Gustavo Brito.
Deseño iluminación: Javi Quintana

Sala Ártika, 27 de xaneiro de 2018

Deixar unha resposta