Titiriberia comeza a programación para público escolar con Mircromina Títeres

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, comeza hoxe coa programación escolar da súa terceira edición, que se celebrará até o vindeiro domingo 11 de novembro.

A programación escolar comezará co grupo galego Mircromina Títeres, que ofrecerá a súa obra A familia unida cunha dupla sesión: ás 10.00 horas no CEIP A Igrexa-Calo e ás 12.30 horas, no Auditorio Constante Liste. A obra preséntanos a Cromina que, logo de ser pai, confronta a súa natureza festeira coa seriedade necesaria para optar a unha oferta laboral vitalicia. Unha reinterpretación das obras clásicas de luva na tradición de Punch, Pulcinella e o Bululú, con inimigos como a autoridade, a paternidade, o dragón ou a morte. As seguintes sesións escolares celebraranse o xoves no Auditorio Constante Liste coa obra Angelita, do grupo catalán Tactilicüa, e o venres 9 no IES de Teo con Viravolta Títeres, que presentarán Todos ao balcón.

Máis información sobre Titiriberia

Deixar unha resposta