in

O pack cósmico

packcosmico |

Atravesando paredes

| Carla Capeáns |

Packcosmico

 

A compañía pontevedresa Bértola Teatro Desmontable chegou esta fin de semana á Zona C de Santiago de Compostela co seu espectáculo O pack cósmico que é, en realidade, unha triloxía de microteatro.

En O que ten cu ten medo (a primeira parte da peza) os socios internacionais do presidente do goberno, membros todos eles do club Bilderberg, proporciónanlle un singular enxeño capaz de combater a crise. É na segunda parte onde toman un maior protagonismo as dúas secretarias do presidente, que por unha estraña Coincidencia cósmica comezan a dicir e a facer exactamente o mesmo. Finalmente, no Cataclismo, o presidente e o seu persoal enfróntanse a iso mesmo, a un cataclismo que está a piques de destruír o planeta.

As historietas son sinxelas e un tanto disparatadas pero ao meu entender, o que non funciona neste espectáculo non é o que se conta, senón como se conta.

Comecemos por partes. En escena distinguíanse dous espazos: o despacho do presidente e, separado por unha especie de marco de porta, a oficina das secretarias. O espectador en canto observa a presenza dese marco delimitador constrúe arquitectonicamente, na súa cabeza, dous espazos diferenciados. E nese arduo proceso imaxinativo non axuda precisamente o feito de que os actores, en ocasións, non respecten esa delimitación. O que ve o espectador é a un personaxe entrando ou saíndo pola porta e dirixíndose cara unha estancia determinada e a outro personaxe atravesando paredes (paredes imaxinarias, pero paredes ao fin e ao cabo).

Por outra banda, os personaxes empregaban, para o meu gusto, un volume de voz falada un tanto excesivo tendo en conta as características da sala. Isto desemboca nun descontrol total da acción e fai que os momentos de maior tensión entre os personaxes non adquiran a relevancia que lles corresponde.


Publicidade

Nun momento da peza os personaxes comezan a lanzar e a tirar montañas de documentos (deses que hai nas oficinas dos presidentes). Pero aquí esas montañas de documentos non eran máis que fotocopias de libros de educación primaria cos seus correspondentes debuxos do corpo humano, etc. Que conste en acta que eu estou a favor da reciclaxe e da reutilización pero creo que se deberían coidar eses pequenos detalles sobre todo cando se está a traballar nunha sala de tamaño reducido onde o público está tan preto da escena. A non ser, claro está, que sexa intencionado.

Percibíanse certas dúbidas e inseguridades no texto, recorríase excesivamente ao “chiste fácil” e, en definitiva, todo semellaba estar impregnado de descontrol.

 

O pack cósmico, de Bértola Teatro Desmontable
Autoría e dirección: Mario Iglesias
Elenco: María Salgueiro, Sé Rial e Xosé Manuel Esperante

Zona C, Santiago de Compostela. 20 de setembro, 2014.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

cena con amigos |

Cena con amigos

dalivspicassol1 |

Dalí versus Picasso