Autoindulxencia
| Manuel Xestoso |
A angustia do home contemporáneo maniféstase, en moitas ocasións, como baleiro existencial, como un sentimento de que a vida debería ofrecer “algo máis”. O problema vén cando ese “algo máis” é un ente impreciso e indefinido, unha simple presunción dunha existencia máis completa. A situación, neste caso, podería ter máis relación coas carencias do individuo que coas da súa circunstancia. E podería ser o principio dunha boa parodia.
Ese é o punto de partida de 30/40 Livingstone: un personaxe –a medio camiño entre o fillo de papá e o diletante– sente que a súa vida está incompleta e racha coa rutina do traballo de oficina para “buscar”, para entregarse a aventura do coñecemento e probar o camiño case místico do regreso á natureza, do reencontro coas orixes. Alí atopa ao seu imposible contrincante, unha especie de home-cervo que simboliza esa idea arquetípica da inocencia, do sinxeleza aínda non corrupta polas adulteracións da civilización. O encontro propicia unha reflexión sobre a falsidade de formular a cuestión en termos tan simplistas. E vai aínda máis alá, ao deixar entrever cuestións que teñen que ver coa natureza do poder, co colonialismo, coa pertenza a unha determinada clase social.
Hai un camiño que leva dende a frustración do individuo á incardinación dos seus fracasos na estrutura social: talvez non é demasiado sorprendente que o indignado fillo dun maxistrado acabe sendo vítima do conformismo que, de entrada, rexeitaba. Pero a obra dá por suposto que os seus personaxes se comportan segundo as leis da realidade e non segundo as regras da dramaturxia e, daquela, omite algúns percorridos que explicarían mellor a deriva do protagonista.
Talvez é esa ambición de tocar tantos asuntos a que conduce a obra dende un inicio sumamente prometedor a un desenvolvemento errático que non consegue articular todos os seus contidos de xeito congruente. Os temas entran e saen do argumento de xeito confuso e o espectador acaba por perderse nunha multitude de suxestións que, aínda que sumamente sagaces, non dan constituído unha unidade coherente.
Sergi López e Jorge Picó logran soster a función a base de talento. O primeiro, aplicando desenvoltura e expresividade ao seu personaxe en hilarantes escenas que quedan impresas na mente do espectador, como a do encontro do protagonista co pai. O segundo, ofrecendo un verdadeiro recital de virtuosismo corporal. Ambos son quen de ofrecer momentos de alta intensidade, mais non de amosar o fío que os une: como se a autoindulxencia do protagonista se lles contaxiase. Falta un esqueleto que afonde nese retrato da crise de identidade da burguesía que se albisca nos mellores momentos do espectáculo.
O público, non obstante, móstrase moi agradecido ante o bo traballo dos actores, perdoa a monotonía na que cae a obra nos seu último tramo e aplaude con recoñecemento ao final.
30/40 Livingstone de Sergi López e Jorge Picó
Elenco: Sergi López e Jorge Picó
Espazo escénico: Jorge Picó e Sergi López
Iluminación: Lionel Spycher
Música orixinal: Òscar Roig
Festival Internacional de Teatro de Ourense. Auditorio Municipal. 18-10-2014.