in

Seis Cordas

my neighbor sky |

Cada un baila o que ten e o que non ten tamén

| Afonso Becerra de Becerreá |

my neighbor sky |
My Neighbor Sky

 

X de Óscar Dasí

Abre a incógnita do X bailando, deixando que o movemento reine sobre o palco. Esa é a súa presentación: un corpo entregado ao baile ata chegar a unha certa euforia. As endorfinas do orgasmo dancístico con música leda conéctanos. Pero antes de que a extenuación corte a canle, Óscar, saloucante, diríxese a nós e confésanos aquilo que quería facer neste espectáculo, tamén o que está a facer. Xorde a reflexión sobre a inutilidade e a preocupación por previr ou prever, dando por feito que o espectáculo sexa un auténtico encontro aquí e agora. No entanto, Óscar achega materiais documentais que nos amosa e que denotan esa partitura dramatúrxica previa: Os pensamentos arredor da forza gravitacional da espectadora e do espectador respecto ao actor. O seu desexo de bailar as Variacións Diabelli de Beethoven. A escoita da gravación das Variacións Diabelli e a diferente sensación provocada pola música en directo interpretada por Mitsuko Uchida nun concerto no Palau de la Música, do que nos amosa o programa de man. A foto del mesmo cando tiña quince anos, esa foto que se atopa cada vez que vai á casa de seus pais. As impresións ao mirarse nun espello agora e recoñecer ao rapaz de quince anos desde os cincuenta actuais. O escenario como precipicio.

E poñerse a bailar a Variación 31 de Beethoven como quen se pon nun precipicio.
Rematar coa lectura dun fragmento do libro titulado Ánima, desde a escuridade, coa axuda dunha lanterna.

Boira, niebla en el cuerpo de Ana Buitrago

Diluir as fronteiras bailando na penumbra contra as paredes negras ou sentada nunha cadeira xiratoria que se desliza como un patín. Flotar na horizontal, sobre o chan, baixo unha luz espectral de lúa.

Buscar no propio devir outras cualidades e dinámicas de movemento e enuncialo, dicirnos, abrindo ese espazo da teatralidade que pon en escena á persoa.

“Se son un corpo borroso case non son. Son unha pantasma.” Porén, o xogo no devir fai do estar un ser moi presente e amplificado. Un ser extraordinario.

Peza 7 de Rut Balbís

Debe haber uns 7 anos da primeira participación de Rut Balbís no Programa Seis Cordas de Teatro Ensalle. Desde este 2014 que se esvaece no remate de novembro, Rut recupera aquel ímpeto dancístico no que a persoa se esfarela para que emerxa o corpo danzante. Nin público, nin concesións espectaculares fáciles: torsións na vertical, xiros que parten dos brazos e das articulacións superiores, elevación de brazos e danza das mans. O corpo alzándose sobre as puntas dos pés cara ao ceo e Rut sobre as alas da danza alén de nós, para ser puro xogo espazo-temporal.

A sorpresa vén coa secuencia final de peche, cando Balbís quita o chaleque negro co que danzou e se abotoa unha camisa branca diante de nós, no proscenio, mirándonos cunha expresión que flutúa e mestura, de xeito indefinible, sorriso e pranto. Un delicado momento final que nos proxecta, restrospectivamente, toda a PEZA 7. Un pasar do contaxio dos impulsos dinámicos e musculares a unha apreciación anímica antes do escuro.

Si diera un cuerpo al bullicio de Constanza Brncic e Nuno Rebelo

A creación de espazos sonoros a partir da instrumentación de obxectos dispares, algúns deles amplificados, e dispostos nunha sorte de instalación plástica ou de pequeno bodegón, súmase a unha danza posicional de estilo orientalizante.

O conxunto, na súa heteroxeneidade de dispositivos e accións escénicas, compón un delicado espazo sensorial.


Publicidade

A difracción entre os sons gravados en directo e reproducidos en diferido fronte aos obxectos cos que se produciron, articula atmosferas propicias á estimulación descontextualizada dos sentidos e préstase a unha coreografía con resoancias de danza butho.

My Neighborg Sky de Andrés Corchero e Oguri

As calidades da danza butho xeran unha atracción irresistible no traballo de Andrés Corchero e do xaponés Oguri. Trátase de corpos habitados por diferentes ánimas e enerxías.

Desde a máscara facial ata o emprego das mans, hai unha tensión que flúe e se concentra en diferentes partes do corpo para movelas como bolboretas. Deste xeito, o corpo semella un “medium”.

Desde momentos nos que abrolla un estilo case pantomímico que apunta cara ao relato, con intres de contraste cómico e outros de carácter máis existencial, ata momentos que tenden á crear imaxes surreais, oníricas.

A performance vocal de Antonin Artaud súmase ao espazo sonoro e aí o espectáculo confróntase cos abismos que resoan nos movementos e na súa capacidade vibratoria para desencadear en nós sensacións e emocións difíciles de definir.

 

Programa especial Seis Cordas:
X de Óscar Dasí
Boira, niebla en el cuerpo de Ana Buitrago
Peza 7 de Rut Balbís (Cía. Pisando Ovos)
Si diera un cuerpo al bullicio de Constanza Brncic e Nuno Rebelo
My Neighborg Sky de Andrés Corchero e Oguri

Teatro Ensalle de Vigo. 28, 29 e 30 de novembro de 2014.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

eurozone |

Eurozone

aviaxedoschevere |

Cinema: A Viaxe dos Chévere