A lombos de xigantes
| Roi Vidal Ponte |
Cinema e teatro son un apareamento polémico. Ingmar Bergman consideraba o teatro como a súa muller e o cinema como a súa amante, e iso en que lugar nos deixa aos teatreiros? Asumimos que a paixón de Vidal Bolaño foi a sétima arte e vimos como o seu teatro se deixou influenciar por ela, mais poucos encontros coñecemos entre nós que metesen ao teatro no cinema. O xénero documental presúmese dos máis acaidos para establecer ese contacto e, por máis que a cinefilia insista e non distinguir ficción do que non o é, sérvenos para botarlle unha ollada sintética a algún dos capítulos máis importantes do teatro galego. Como o capítulo que protagoniza Chévere.
Alfonso Zarauza participou na montaxe da Viaxe ao país dos ananos desde unha posición privilexiada. Case como a dun infiltrado oculto, a súa presenza observadora conseguiu non incomodar á troupe durante o proceso de creación e iso vese na verdade coa que se desenvolven os fragmentos rodados nos ensaios. Unha das historias que conta o filme é precisamente como un grupo de persoas son quen de crear un espectáculo teatral partindo de pouco máis que de media ducia de ideas difusas: Celso Emilio Ferreiro, As viaxes de Gulliver, as Ultranoites, o cabaré berlinés, o humor e a crítica social son os alicerces nos que se asentan tanto a obra de teatro como a propia película a través da que a miramos.
O cine ten a capacidade de engrandecer as cousas e aquí a escala de grises e unha montaxe coidada conseguen que as vexamos máis grandes do como as viramos ata agora, pero non máis grandes de como en realidade son. O director converte o seu documental nun obxecto artístico autónomo a base de imaxes poéticas (fume, fontes, fábricas ou unha macroestrutura distópica chantada nun Gaiás) certa lentitude silenciosa e metáforas extraidas da novela de Jonathan Swift a partir das cales ordena o material filmado e o resultado é que podemos colocar a Chévere no lugar que a historia lle reserva.
A outra historia aparece cando saen imaxes de arquivo das primeiras Ultranoites e da Sala Nasa cando aínda era o garaxe que logo volveu ser e botamos a mirada atrás e non só no tempo senón tamén nese espazo que chamamos Compostela e que coprotagoniza o filme e a historia da compañía. Miguel de Lira, Xron, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés remarcan a importancia que a Nasa tiña dentro dun proxecto de cidade aberta e cultural no amplo sentido da palabra e o final xa o sabemos e o filme foza, con nomes e apelidos, nese final.
Pero aínda hai unha terceira capa que o engloba todo cunha perspectiva histórica transversal: a historia do propio teatro galego no seu conxunto que, de maneira sutil e mesmo como sen o querer, ecoa en cada plano. Porque sen meterse a falar de xeneralidades do mundillo, a fita permite que o colectivo se coe polos ocos cando deixa ver a pluralidade das caras que formaron parte da viaxe. Porque non é difícil ver o paralelismo entre o exilio dos Chévere de Santiago e o exilio do teatro galego do seu hábitat natural. E porque admirando a traxectoria dos agora teenses sentimos a fachenda de saber que o teatro galego é quen de dar froitos tan saborosos como o documental que os saborea.
A viaxe do Chévere de Alfonso Zarauza
Guión e dirección: Alfonso Zarauza
Produción executiva e axudante dirección: Xron
Dirección de fotografía: Alberto Díaz Bertitxi (A.E.C.)
Directora de arte e son directo: Jaione Camborda
Música orixinal: Roberto C. Goday
Edición e montaxe: Victor Hugo Seoane