in

Falándolle a un espello

falacc81ndolleaunespello |

A fin do mundo

| Carla Capeáns |

falándolleaunespello

 

Producións Dispersas presenta na Zona C de Compostela o espectáculo Falándolle a un espello. Este espectáculo de corte contemporáneo conta “a historia dun home que unha mañá descobre que é o derradeiro habitante do planeta”.

En escena el, o derradeiro habitante do planeta, un espello e unha morea de utensilios cotiás que delimitan e enchen o espazo escénico. Este é un espectáculo unipersoal e pese a ter tinguiduras de monólogo, non poderiamos atribuírlle exactamente esa etiquetaxe. Aquí o derradeiro habitante do planeta conversa co seu espello, e pese a que este non intervén activamente, si escoita converténdose así nun personaxe máis da historia.

O texto convídanos a coñecer a rutina diaria dese derradeiro habitante que semella ser extremadamente obsesivo. Esa rutina tan só se ve truncada unha mañá por mor da aparición de moreas de cadáveres. O cruel e o esgazador desas imaxes torna cómico debido ao tratamento que o autor lle dá ao texto. Neste caso o autor do texto é a mesma persoa que interpreta a ese derradeiro habitante e iso permítelle manexar a historia dende dentro e potenciar o absurdo dalgunha das escenas. Un dos puntos fortes deste espectáculo é o texto, no que o máis surrealista pode converterse en cotiá. O máis dramático semella ser en ocasións, cómico.

Desde esta perspectiva, o autor convídanos a reflexionar sobre o mundo no que vivimos. O mundo está a cambiar constantemente e a sociedade tende a naturalizar todos eses cambios. Nestes intres estamos nun mundo no que o egoísmo é o protagonista absoluto. O altruísmo semella non existir. Pechámonos en nós mesmos e tiramos a chave ao río, as redes sociais inundan as nosas vidas e substitúen ao contacto humano.


Publicidade

Dende a dirección non se explota o suficiente todo ese absurdo que baña o texto de Diego Freire e que se mestura en ocasións co drama e o intimismo. En xeral, non hai un ritmo constante quizais debido ao uso e abuso de silencios que constantemente cortan os parlamentos do derradeiro habitante do planeta.

É de destacar o tesón e a firmeza coa que o actor Diego Freire sobrelevou unha función na que, dende o minuto cero, unha persoa do público se dedicou a sacar fotografías co seu teléfono móbil de última xeración ao que nin sequera sabía quitarlle o son.

 

Falándolle a un espello de Diego Freire
Compañía: Producións dispersas
Dirección: José Campanari
Interpretación: Diego Freire
Escenografía: Daniel Díaz
Deseño de iluminación: Paula Castro
Música orixinal: Ramón Feans (Chiri)
Fotografía: Sue Rainbow

Zona C de Santiago de Compostela. 4 de febreiro de 2015

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

150204118 |

Escenas do cambio

bobasegalegas |

Bobas e galegas