Por que acaban as cousas?
| Camilo Franco |
Por que acaban as cousas? A pregunta debe flotar estes días entre un sinfín de xentes sen ideas e, quizais menos, entre outro sinfín de xentes con elas. Por que acaban as cousas? A gran enciclopedia da música pop di que todo o que empeza ten un final e con ese sentido irrebatible da consecuencia todo final debería ser predecible. Pero hai quen non escoita música pop e quen tampouco ten sentido da consecuencia. E tampouco tivo oportunidade de ver Adiós Bienvenida de Mimaia Teatro. Porque esta pregunta, por que acaban as cousas?, é o centro dun espectáculo que é para cativos pero non infantil. Ou quizais tampouco. Podería ser entendido como un espectáculos para adultos que se negan a escoitar as cousas como son. Con esa eficiencia da naturalidade e da sinxeleza.
Adiós Bienvenida ten a cara amable e delicada coa que se relatan algunhas historias bonitas. Todo ten apariencia de xogo, a manipulación dos obxectos, o talante dos personaxes, a relación entre os manipuladores e os títeres e mesmo a música non deixa de xogar coa historia. É un xogo con sorpresas non tanto nos personaxes como na posta en escena, no aproveitamento do espazo e na versatilidade con que cambia sen necesidade de grandes movementos. Todo está colocado nese espazo da consecuencia: as cousas, por boas ou por malas que sexan, pasan. Como pasan os xogos. Pasan con naturalidade aínda que pesen e esa naturalidade é a que utiliza a compañía para relacionarse cos espectadores, sexan cativos, sexan adultos ou sexan votantes de formacións políticas derrotadas. A montaxe tampouco esconde a tristeza nin esas cousas que ás veces quedan tan implícitas nas obras para nenos que acaban por converterse nun asunto terrible. Vai a elas coa mesma naturalidade con que vai ao resto das historias, polo mesmo sentido da consecuencia de que están aquí, que tampouco é posible desfacerse delas por moita ficción que lle botemos. E se non podes desfacerte de algo, é mellor contalo.
Mimaia cóntao cun sentido do humor que é máis inxenuo que infantil. É inxenuo sen ser curto e por esa mesma disposición a xogar coas normas naturais non ten que subir nin baixar na escala do que vale ou non para os cativos. Todo pode ser entendido de moitas maneiras e aínda que a historia non se complique e pareza que hai un final feliz, o conto de Bienvenida comeza cunha despedida. Unha despedida de fin de biografía porque as cousas teñen un final. Sen traxedias e sen contemplacións. A habilidade de Mimaia, a habilidade do conto é esa mesma habilidade que nos falta a nós e que comprobaremos dentro dun tempo. O conto coloca a pregunta final ao comezo porque a pregunta sobre por que acaban as cousas non hai que facela ao final. É a primeira pregunta que hai que facer ao principio de todo.
Adiós Bienvenida, de Mimaia Teatro
Textos, dirección e posta en escena: Dora Cantero
Manipulación e interpretación: Dora Cantero, Mina Trapp
Construcción de marionetas: Mina Trapp, Ángel Navarro
Iluminación: Ivo García Suñé, Patrik Cunha
Dirección actoral: Anna Carner
Auditorio da Xunqueira. Festival Internacional de Títeres de Redondela. 26 de maio de 2015