Asombra ou non, a sombra?
| Roi Vidal Ponte |
Non asombra:
A este conto escénico pásalle o que aos filmes de acción: a maxia que conseguen os efectos especiais cae pola costa abaixo da febleza narrativa. Presume de estética naif coa coartada de estar baseada nos cómics de estética naif. Pero nos cómics de Max soe haber (ou polo menos había) máis onirismo, ou polo menos un onirismo máis desconcertante. Aqui as elementais pinceladas surrealistas confórmanse con remedar algún momento disney pero non procuran o muro de Pink Floyd máis alá dun uso puntual dos martelos. O lado político do conto chíscalle o ollo ao público adulto concienciado e achega ás crianzas unha visión paleomarxista onde o dono da fábrica é un nosferatu tirano que coa man invisible de Adam Smith apresa á sombra da muller-nena protagonista para a escravizar como traballadora dunha fábrica.
A medio camiño entre o ballet clásico e a mímica xestual, os actores-bailaríns sobreviven na área movediza da esaxeración expresiva á que se autocondenan ultimamente os espectáculos familiares. As escenas esténdense de maneira innecesaria para a compresión do argumento, acaida se cadra para a exhibición dunhas habilidades corporais non tan impresionantes como era de esperar.
Asombra:
Todo está artellado para que brille o artefacto. O escenario é un enorme teatro de guiñol. Estamos no tempo das lanternas máxicas, nesa prehistoria na que o cinema era unha atracción de feira e que hoxe nos mola con ollos vintage. As siluetas recortadas poden recrear todo un universo. A maxia da luz agranda e empequenece perspectivas con efectos visuais infrautilizados na historia do teatro. Mola tamén que boten man das proxeccións audiovisuais para a creación escenográfica dos diferentes ambientes, porque así demostran que a imbricación entre o proxectado e o actuado pode chegar a ser atractiva, util e interesante. Chega un momento no que case esquecemos que estamos no teatro. Podería ser cinema mudo? Son debuxos a animados? Ou…
Non asombra:
…parécese isto máis a un videoclip ou a un salvapantallas simpático? Non sabemos se iso é bo ou é malo. Sabemos que houbo un momento no que nos deixamos arrastrar pola beleza das imaxes e a sorpresa dos efectos, pero so até o punto no que a historia arrefría pola falta de contido e a saturación estereotipada dos tópicos. As siluetas só eran iso: siluetas.
Nestes tempos nos que a imaxe dixital parece querer facer da realidade un videoxogo non está de máis traer as palabras dos creadores de Pixar: o máis importante é o guión. E isto dito polos mestres xeniais da animación contemporánea debería dar que pensar a quen continúe sen asumir que visual xa o é todo o teatro. Porque non é o mesmo ser Bob Wilson que intentar copialo.
Asombra:
En todo caso, todo o antedito está de máis se acreditamos no destinatario familiar do espectáculo. A propia etiqueta trata o público como desvalido de algo. E véndoo así, o certo é que non está tan mal que o teatro comece a gañar certas batallas desde infancia. Aínda que ao final non sexa máis que un soño de fantasmas.
Malasombra de Max, Andrea Cruz e Tomeu Gomila
Compañía: auMents
Dirección e coreografía: Andrea Cruz -Tomeu Gomila
Dramaturxia: Max.
Elenco: Magda Tomás, Caty Carrasco, Tomeu Gomila.
Creación musical: Rodrigo Latorre, Kiko Barrenengoa, José Miguel Puigserver Puter, Gato
Espazo escénico: Tomeu Gomila
Escenografía e obxectos: Max, Andrea Cruz, Tomeu Gomila.
Videocreación: Roberto Rodríguez, con ilustracións orixinais de Max
Vestiario: Andrea Cruz
Deseño de iluminación: Manu Martínez
Mostra Internacional de Teatro de Cangas. Auditorio de Cangas, 10 de xullo de 2015.