Confianza no texto
| Manuel Xestoso |
Resulta difícil asistir, nos últimos tempos, a un espectáculo en que a tenacidade por analizar e debullar un texto alcance os niveis de teimosía que Peter Stein aplica a esta obra de Harold Pinter. Coma todos os clásicos, O regreso a casa admite lecturas moi distantes, mais o traballo de Stein céntrase aquí en radiografar escrupulosamente cada unha das posibilidades inseridas na escrita do autor. E iso ofrece novas posibilidades de ler unha peza que dende a súa estrea alimentou a polémica e, en non poucas ocasións, os malentendidos.
Stein evita que a súa montaxe orbite arredor do contido sexual ou da salvaxe brutalidade a través da cal se relacionan os compoñentes da familia protagonista –aínda que non lle aforra ao espectador nin un ápice de ningunha delas– e a súa proposta ten coma eixo fundamental o encontro entre os dous rexistros nos que se move a obra: o realista e o simbólico. Ao primeiro pertencen os elementos da Historia: o Londres da posguerra no que aínda se poden observar as cicatrices dos bombardeos, a difícil situación duns traballadores atrapados entre as demandas da súa clase social e o novo orgullo patrio nacido da vitoria, as pequenas ruindades que xorden das diferentes achegas de diñeiro para o mantemento da casa. Á dimensión simbólica concirnen as pugnas polo poder no seo da familia, o retrato do patriarcado, a cruenta batalla de sexos que se loita sempre baixo o ollo incansable das fantasías masculinas.
Poucos autores son tan complexos como Pinter á hora de combinar estes dous rexistros e por iso esta montaxe ten máis valor en canto que logra que a estrañeza se transforme en familiaridade. A cómica sutileza coa que se presenta a duplicidade do patriarcado –sempre cun pé no sentimentalismo e outro na violencia– e a incapacidade dos personaxes para establecer unha relación igualitaria prepara o terreo para que Ruth complete un perfecto golpe de Estado aproveitando as debilidades desa ditadura da testosterona.
A moitas mulleres repúgnalles a idea de que Ruth se faga co poder ao prezo de entrar nese xogo de dureza e explotación que os homes estableceron previamente pero –aí está o texto– tamén sae a flote a convicción de que a súa mutación en prostituta de luxo ao servizo da familia non deixa de ser outra fantasía máis dese infantiloide imaxinario masculino. Ruth recoñece de inmediato as carencias dun clan que vive inmerso nun mundo alienado e eríxese na única persoa capaz de lidar coa realidade de xeito operativo, fuxindo ao mesmo tempo dun matrimonio desgraciado.
A confianza en que o texto é suficiente reforza o traballo do elenco que, sen renunciar ao plus de ambigüidade característico de Pinter, logra esculpir uns personaxes especialmente verídicos nunha rara mestura de carácter e contención. A debilidade íntima duns seres adestrados para sobrepoñerse á propia alienación a través da agresión propicia unha lectura política que une o decorado de clase obreira londiniense coa alegoría da guerra polo poder. E o círculo que se pecha así abre unha fecundísima perspectiva sobre un texto espléndido revelado nun espectáculo memorable.
Il ritorno a casa de Harold Pinter
Compañía: Teatro Metastasio Stabile della Toscana
Dirección: Peter Stein
Elenco: Alessandro Averone, Andrea Nicolini, Antonio Tintis, Arianna Scommegna, Elia Schilton, Paolo Graziosi
Escenografía: Ferdinand Woegerbauer
Vestiario: Anna Maria Heinreich
Iluminación: Roberto Innocenti
Festival de Almada. Teatro Nacional Dona María II, Lisboa. 12 de xullo de 2015.