in

La merda

lamerda |

A besta humana

| Roi Vidal Ponte |

LaMerda
Foto: Natasha Lelenco / MIT Ribadavia

 

No medio da escena só unha muller espida que non é unha muller: é unha icona falocéntrica cuxa glande é unha muller espida a trousar sobre nós a náusea dos seres do mundo nun ritual totémico coa forza dun lóstrego. A actriz exponse desde un pedestal-trapecio como atracción de feira porque non é unha muller que é unha fera de carne e oso e aparencia tan humana que nos rompe por dentro e as palabras que máis que dicir cuspe son todo o que quedaba por dicir e que diríamos de posuírmos a forza, a valentía e o micrófono. A súa inmobilidade desborda un dinamismo atroz, vén cargada de acenos que fan estoupar a acción, porque todo neste monólogo corrente de conciencia é acción, unha confesión liberada de retórica e dita desde un lugar tan auténtico que abafa e insufla e cega e deixa ver. A muller contemporánea só pode liberarse recorrendo á monstrificación, á cara desencaixada dunha interpretación esquizoide, dun exorcismo con voltas de cabeza e demos de voz ronca e alaridos de violín. A represión-liberación da muller contemporánea ten a súa representación exacta na muller italiana, porque do italiano coñecemos case igual de ben o sabor dos spaghetti como o gusto polo grotesco con Fellini e Pasolini sempre aí e non hai nada tan grotesco hoxe en Italia como o machismo que salfere a sociedade, con especial viscosidade nunha clase político-televisiva famosa pola desvergonza coa que executa cada cagallón. O lirismo é a mellor maneira de exercer a crítica porque a prosa non serve despois de Auschwitz e a música dunhas palabras escollidas co ritmo dunha escalada de violencia é o medio máis acaido para artellar un berro desesperado contra a barbarie sistémica, porque contra un globo de silicona e datos de audiencia e megabytes só podemos contraatacar co terrorismo do insulto e o desgarro e a abxección. Mudamos os ideais revolucionarios do romanticismo polo soño dos cinco minutos de fama, aínda que a fama se reduza a saír nun anuncio, pois xa non hai divas engalanadas de maquillaxe, senón adolescentes a asumir a obxectualización con desexos de photoshop, mulleres tan famentas de éxito ás que igual que coma aos polbos femias que non encontran alimento só lles queda a ansia por se devoraren as pernas. A muller que non é unha muller mantén un ritmo en constante crecemento de volume, rabia e intensidade, e faino desencaixando o percorrido nunha gradación tan sutil que fai que os matices semellen infinitos. A actriz á que non podemos nomear actriz senón berro desesperado devólvenos á realidade da nosa animalización. Ese corpo espido entérrase nos Días felices de Beckett e estoupa n’O berro de Münch e nunca un texto foi de maneira tan concreta un cadro e unha partitura, unha sinfonía para solo de actriz, que insisto non podemos etiquetar de actriz aínda que exemplifique todo o que esperamos dun actor precisamente porque xa non é actriz como intento de facer, senón como constancia do dominio vocal e da fluídez corpórea, da afinación melódica en cada frase e en cada golpe muscular, da entoación de cada palabra e de cada microexpresión, da autoridade do in crescendo que non solta as rendas desa cousa desbocada que chamaremos actuar. Pódese entender todo escoitando e sen miralo e ao revés: tal é a sintonía entre a intérprete e o interpretado, entre a actriz e o texto, entre o monstro e o lume, entre o control e o arrebato. Cóntasenos en italiano a realidade da civilización occidental, onde o patriarcado campa ás súas anchas da man dun consumismo exacerbado e esta frase podería resumir todo o que nos conta este espectáculo da sociedade pero non diría nada acerca da experiencia da súa recepción e por iso estamos obrigadas ao lirismo das palabras e as palabras e as palabras e a quedar cun pouso negro disfrazado de aplauso, cunha luz de esperanza que confirma o terrorismo feminista non xa como ferramenta válida para a emancipación feminina, senón como o único camiño para liberar a humanidade da súa autodestrución.

 


Publicidade

La merda de Cristian Ceresoli
Elenco: Silvia Gallerano
Dirección técnica: Giorgio Gagliano / Giordano Bruno
Dirección executiva: Marta Ceresoli
Produción: Frida Kahlo Productions, Richard Jordan Productions Ltd & Produzioni Fuorivia en asociación con Summerhall.

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 21 de xullo de 2015.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

swamp club |

Swamp Club

arquimedes |

O principio de Arquímedes