in

Hamlet

hamletnt |

Shakespeare é noso

Roi Vidal Ponte

HamletNT

 

National Theatre Live é unha iniciativa do National Theatre de Londres, que transmite en directo, vía satélite, funcións das súas montaxes para salas de cine e centros de arte de distintas partes do mundo. Os cines Yelmo de Vigo fan parte desta iniciativa. A función á que se refire esta crítica foi vista dentro deste programa.

 

O cuarto centenario da morte de Shakespeare adiantábase ao 2015 coa noticia de que o Barbican Theatre londinense conseguía un récord histórico de velocidade de venda de entradas. A razón, a presenza do mediático Benedict Cumberbatch (Sherlock; The Imitation Game) no papel de Príncipe de Dinamarca. Seica as hordas de fans non só acampaban ás portas da billeteira para conseguir unha das poucas entradas reservadas para a venda, senón que, ademais, estaban comezando a ler a Shakespeare.

Lindsey Turner sitúa os feitos en calquera das últimas catro décadas, polo que a dramaturxia se afasta da arqueoloxía filolóxica para demostrar que o clásico éo en calquera época. A estética realista refórzase cunha enorme aparataxe escénica que lle dá ao escenario certo aire operístico. Con esa aparencia grandilocuente, a crítica británica dividiuse entre os afagos e as desconformidades, e destacou como trazo negativo a excesiva profusión dunha espectacularidade que afogaba a interpretación de Cumberbatch ao non lle permitir afondar na grandeza do seu personaxe. Apoiada por unha produción máis que xenerosa, a directora optou por lle dar peso a cada escena, a cada palabra de cada verso, para potenciar a enormidade do conxunto. A enormidade do autor.

Asumimos que Shakespeare inventou o ser humano e iso lévanos a reducir a Shakespeare aos seus personaxes. Poñemos a caricatura icónica do monólogo de Hamlet coa caveira de Yorick para representar a propia arte do teatro. E esquecemos os diálogos áxiles, a complexa configuración das subtramas, o contrapunto traxicómico, a narrativa dinámica, a tensión constante, a forza das ideas visuais, a monarquía da acción. Co seu profundo e particular sentido da dimensión filosófica do teatro, Shakespeare situou aos seus protagonistas no medio dunha lea de personaxes nada secundarios e nun contexto sociopolítico concreto no que as personaxes, como as persoas, non se definen polo que din nos monólogos ante o espello, senón polo que fan ou deixan de facerlles aos seus semellantes.

Hamlet é un texto que supera as palabras. É unha ficción elaborada cun xenio barroco moi imitable, unha creación dramática tan rompedora que aínda non puido ser superada. A montaxe do Barbican acerta ao subliñar a espectacularidade da posta en escena, pois parte dun texto cuxo autor era un home de teatro que pensaba antes en divertir ao seu público que nos artigos filolóxicos que os estudosos ían realizar da lectura dos seus libros catro séculos despois da estrea. Neste Hamlet vemos a un excelente e intenso Cumberbatch, e un desfile de boas interpretacións entre as que destacan o autoritario Claudio de Ciarán Hinds e a nerviosa Ofelia de Siân Brooke, mais tamén asistimos con alegría ao ritmo frenético da súa dramaturxia arrebatada, da súa narrativa libertaria. E podemos ver ao Shakespeare director de escena e dramaturgo para o que a acción e a espectacularidade eran tan importantes como seguramente o fosen para un público non tan diferente do que hoxe enche cada proxección de Star Wars.


Publicidade

E os que entraron movidos pola súa cumberbacthmanía saen animados a ler e ver teatro cunha shakespearemanía que oxalá dure moito tempo.

 

Hamlet de William Shakespeare
Director: Lyndsey Turner
Elenco: Barry Aird, Eddie Arnold, Leo Bill, Sian Brooke, Nigel Carrington, Ruairi Conaghan, Benedict Cumberbatch, Rudi Dharmalingam, Colin Haigh, Paul Ham, Diveen Henry, Anastasia Hille, Ciarán Hinds, Kobna Holdbrook-Smith, Karl Johnson, Jim Norton, Amaka Okafor, Dan Parr, Jan Sheperd, Morag Siller, Matthew Steer, Sergo Vares, Dwane Walcott.
Escenografía: Es Devlin
Iluminación: Jane Cox
Música: Jon Hopkins
Vestiario: Katrina Lindsay
Deseño vídeo: Luke Halls

Multicines Yelmo, Vigo. 28 de xaneiro de 2016.

 

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

archive |

Archive / Cédric Andrieux

barrunto |

Barrunto