Máquinas desexantes
| Manuel Xestoso |
| Foto: Danny Willems |
Entre o amor e a sedución existe unha violencia dos corpos e dos sentimentos que o relato máis tradicional sobre o amor romántico oculta. O amor, en realidade, é un discurso que se esgota en si mesmo: nun “quérote” que é máis unha demanda histérica que unha solicitude de solidariedade. Mais, afortunadamente, a realidade corrixe os idealismos e os individuos deben negociar os termos en que se moverán no campo da convivencia e do desexo para negar esa reclamación de absoluto e transformala no xogo que permite abandonarse aos gozos e os padecementos diso que seguimos chamando estar namoradxs.
Wim Vandekeybus e a súa compañía, Última Vez, non aforran nin un só deses xubilosos e patéticos episodios polos que transcorre o namoramento en Speak low if you speak love, sen esquecer que unha gran parte da violencia –simbólica ou real– é sufrida moi especialmente polas mulleres. E mais sen esquecer tampouco o alborozo que chega a provocar o amor cando as cousas marchan ben. Felicidade e aflición desfilan polo escenario nun espectáculo que mestura a danza, o teatro e a música en vivo para propiciar unha polifacética narrativa onde conviven o sensual e o mórbido, o cariño e a crueldade, o drama e a comedia.
Cada un dos episodios de Speak low if you speak love evoca un inconsciente enigmático que reafirma e, ao tempo, desmente as intencións das pulsións do corpo, a vontade de confrontación cun Outro que nos complete. En certo sentido –semella confesar Vandekeybus– o amor é unha abstracción inalcanzable: un paraíso perdido no que teñen lugar as batallas máis cruentas e os praceres máis voluptuosos.
A reflexión sobre o apaixonamento amoroso non esquiva unha ironía que desdramatiza e introduce o humor, e esa distancia burlona é tamén unha declaración de impotencia ante a complexidade do fenómeno: podemos analizalo de mil formas diferentes e explicalo segundo distintos presupostos teóricos, pero algún día caeremos nas gadoupas do amor e, daquela, a presión do irracional poñerá en cuestión todas as nosas certezas. Unha rapaza case espida semella precisar da protección dun home que trata de colocarlle as roupas, pero ela está demasiado excitada para renunciar ao xogo da sedución: comeza unha historia de alegrías e conflitos que xa tivo lugar millóns de veces e que non deixará de repetirse.
O que sempre garante a paixón amorosa é a intensidade e é dende esa intensidade que se constrúe este espectáculo. Entre o narrativo e o coréutico, Vandekeybus crea un discurso que funciona de xeito simbólico sen chegar a caer no descritivo. E desenvólveo coa vehemencia e enerxía das máquinas desexantes que protagonizan a función: se –como di Deleuze– o desexo é a tendencia do corpo a unirse ao que aumenta a súa potencia, os corpos dos bailaríns de Última Vez conxugan campos de atracción e repulsión capaces de xerar un desafiante sentimento de euforia. Encadeando, con aparente sinxeleza, pasos de sorprendente dificultade técnica, crean unha danza controlada e fervorosa ao tempo, que non abdica de transmitir un alento poético conmovedor.
A sintaxe operística fai o resto, integrando aos músicos na acción, outorgando un papel de deus ex machina á cantante Tutu Puoane, fiando unha historia que non precisa de argumentos para contar historias que son, en realidade, a única historia: a dos encontros e desencontros dos corpos.
Ás veces é así: entras na sala, comeza a función e todo corre ben, non sobra nin falta nada, todo está no seu sitio. Speak low if you speak love provoca unha desas experiencias: unha lección maxistral, un exemplo de bo facer escénico.
Speak low if you speak love de Wim Vandekeybus [trailer]
Dirección, coreografía e escenografía: Wim Vandekeybus
Elenco: Jamil Attar, Livia Balazova, Chloé Beillevaire, David Ledger, Tomislav English, Nuhacet Guerra Segura, Sandra Geco Mercky, Maria Kolegova.
Música orixinal (en directo): Mauro Pawlowski, Elko Blijweert, Jeroen Stevens, Tutu Poane.
Deseño de luz: Davy Deschepper, Wim Vandekeybus
Deseño de son: Bram Moriau, Antoine Delagoutte
Vestiario: Lieve Meeusseen.
Estilista: Isabelle Lhoas, asistida por Isabelle De Cannière.
Asistencia artística e dramaturxia: Greet Van Poeck.
Asistentes de movemento: Iñaki Azpillaga, Máté Mészáros.
Asistente de escena: Tom de With.
Aconsellamento escenográfico: Isabelle Lhoas, Davy Deschepper.
Coordinación técnica: Davy Deschepper.
Produción: Última Vez
11 de febreiro de 2017. Grande Auditório CCVF. Guidance 2017